Castiñeiro Milenario recupera o teatro profesional e afeccionado cunha nova edición do seu ciclo

TerraChaXa
A primeira función será este venres, 11 de setembro, ás 12.00 horas, no Colexio Público Virxe do Corpiño de Begonte
ciclo-de-teatro-castineiro-milenario
9 Sep 2026

Begonte volverá converterse este outono nun punto de encontro para os amantes das artes escénicas coa celebración da décima edición do Ciclo de Teatro, unha programación que reunirá tres propostas diferentes, dirixidas a públicos diversos e con representacións entre os meses de setembro e decembro. Está organizada polo Castiñeiro Milenario en colaboración co Concello e a Deputación.

A primeira función será este venres, 11 de setembro, ás 12.00 horas, no Colexio Público Virxe do Corpiño de Begonte. A compañía Bátega Teatro será a encargada de abrir o ciclo coa obra Divers@s, un espectáculo especialmente pensado para o público infantil.

Bátega Teatro leva desde 2015 desenvolvendo propostas nos ámbitos escénico e musical, coa intención de achegar ao público diferentes emocións a través das súas creacións. En Divers@s, a protagonista é Bolboreta, un verme sen nome ao que lle medran unhas ás de cores e que emprende unha viaxe para atopar o seu lugar no mundo.

Ao longo do percorrido, Bolboreta coñecerá personaxes como a Cebra Carmela, unha pallasa que soña con ser malabarista; a Leoa Leonarda, vexetariana e moi tímida; Paco o Macaco, intérprete de kazoo; ou Amanda a Panda, unha gran saxofonista. A obra aborda así a diversidade a través de personaxes que buscan descubrir quen son e que papel poden desempeñar no mundo.

A segunda proposta chegará o 17 de outubro, ás 19.00 horas, na Casa da Cultura de Begonte, da man da Asociación Aturuxeiros de Bravos. A agrupación, creada en 2012 e responsable tamén da organización do festival Aturuxo, conta entre as súas actividades máis coñecidas cunha compañía de teatro formada por veciñas e veciños de Bravos.

Nesta ocasión representarán Vaia pronóstico, unha comedia para todos os públicos cunha duración aproximada de 90 minutos. A obra parte da historia de Antón, que se atopa moi grave nun hospital tras sufrir un accidente. A familia recibe o aviso e desprázase ata o centro sanitario, pero ao chegar descobre que nada é o que parece. Trátase dunha adaptación de Pronóstico reservado, de Jean Pierre Martínez.

O ciclo pecharase o 12 de decembro, ás 19.00 horas, tamén na Casa da Cultura de Begonte, coa proposta Improcondria, de Improdutivas. Esta asociación cultural e compañía de improvisación teatral, con sede en Lugo e fundada a comezos de 2025, define a súa maneira de facer teatro como o «jazz do teatro», ao apostar por espectáculos sen guión nos que a interacción co público desempeña un papel fundamental.

Improcondria é un espectáculo de improvisación para todos os públicos, cunha duración aproximada de entre 40 e 60 minutos. A proposta constrúese integramente en directo a partir de xogos e das achegas dos espectadores, polo que non existe un guión previo, nin vestiario ou escenografía establecidos.

A compañía presenta a improvisación como unha experiencia na que o público deixa de ser un simple espectador para converterse no motor creativo das historias. As súas propostas dan lugar a escenas inesperadas e irrepetibles, facendo que cada función sexa diferente. O humor, a adrenalina do directo e a complicidade entre actores e público son os principais ingredientes dun espectáculo no que, como resume Improdutivas, «o público propón e os actores/actrices sobreviven».

0.16209888458252