Castro de Rei acollerá este sábado o Campionato Galego de Billarda

Castro de Rei acollerá este sábado, 29 de agosto, a terceira edición do Campionato Galego de Billarda, unha proba organizada pola Federación Galega de Deporte Autóctono que reunirá a xogadores dos distintos equipos que participan na Liga Galega de Billarda.
A competición desenvolverase no campo de fútbol municipal Arturo Pereiro, en Castro de Ribeiras de Lea, e dará comezo ás 12.00 horas, prolongándose durante toda a xornada. O campionato contará con competicións nas categorías absoluta, feminina e infantil, esta última para menores de 16 anos, ademais da modalidade por equipos.
A elección de Castro de Rei como sede responde ao feito de que o equipo anfitrión, Billarda Ría Miño, é o actual campión e encargarase da organización do torneo. O conxunto chairego buscará revalidar o título e converterse no primeiro equipo que consegue tres campionatos galegos consecutivos, despois de gañar a primeira edición, celebrada en Santiago, e a segunda, disputada precisamente en Castro de Rei.
Na competición participarán diferentes xogadores dos equipos que forman parte da Liga Galega de Billarda. Os participantes deberán conseguir a maior puntuación posible nas sete carreiras previstas, nas que poderán sumar ata seis puntos en cada unha.
Para a clasificación por equipos contabilizaranse os catro mellores resultados individuais dos integrantes de cada formación, polo que a regularidade ao longo das diferentes carreiras será clave para optar ao podio.
A presentación da terceira edición do Campionato Galego de Billarda contou coa participación de representantes do equipo Billarda Ría Miño e do alcalde de Castro de Rei, Francisco Balado.