Castro de Rei acolleu a asemblea xeral de Lugo Madera

LugoXa | TerraChaXa
Lorenzana, en representación da Xunta, e Carlos López, pola Deputación clasuraron o evento
clausura-lugomadeira-en-castro-de-rei
A clausura de Lugo Madeira
15 Xuño 2024

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, ratificou o compromiso da Xunta por incrementar a competitividade do sector forestal-madeira afianzando a colaboración público-privada e co obxectivo de pechar o ciclo de produción en Galicia. “O Goberno de Galicia continúa apostando firmemente polo sector forestal e o madeireiro, dixo. A Axencia Galega da Industria Forestal (Xera) cambiou de consellería pero os retos son os mesmos e o compromiso é o mesmo”.

Lorenzana apuntou que a cadea de valor forestal-madeira representa preto do 12 % do emprego industrial de Galicia, que é a novena potencia forestal europea e lidera o sector a nivel nacional. Segundo os últimos datos, esta industria acadou unha facturación conxunta no ano 2022 que foi a máis elevada desde que hai rexistros: preto de 2.700 millóns de euros. Abrangue 3.000 empresas distribuídas por toda a xeografía galega, de feito, en máis dunha vintena de comarcas esta industria está entre os tres primeiros sectores industriais por emprego xerado.

A conselleira, que estivo acompañada polo delegado da Xunta de Lugo, Javier Arias, avogou pola colaboración e pola innovación para afrontar retos como a globalización dos mercados, a dixitalización dos procesos e a necesidade da sustentabilidade ambiental. Retos, engadiu, que aborda o plan director do sector forestal-madeira que está elaborando a Xunta de Galicia coa previsión de que estea aprobado a finais deste ano, apuntou.

En relación á Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), sinalou que se reforzaron as súas competencias, en primeiro lugar, para mellorar a coordinación dos centros de investigación en materia forestal. Deste xeito, incorpora o Centro de Investigacións Forestais de Lourizán, que se suma ao CIS-Madeira (San Cibrao das Viñas, Ourense), xa integrado. Tamén se referiu á nova Área de Información Forestal, que será a encargada da creación e mellora de sistemas de información e estatística forestal de Galicia, “un punto de partida básico para tomar calquera tipo de decisión respecto das políticas públicas que levemos a cabo e das decisións empresariais”, observou.

Segundo explicou, esta nova área da Xera vai traballar no mercado voluntario de créditos de carbono regulado xa na Lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia, que se debate no Pleno da vindeira semana. Unha lexislación única e de referencia, apuntou, que inclúe a creación dun mercado voluntario de créditos de carbono mediante créditos certificables que poden ser vendidos a través dunha plataforma de intercambio.

O sistema será interoperable con outros de ámbito estatal ou europeo, seguindo metodoloxías internacionais, e permitirá desenvolver proxectos e actividades que incrementen a absorción de carbono e a redución da emisión de gases de efecto invernadoiro. Isto contribuirá á protección do medio natural e ao desenvolvemento sustentable do noso territorio, no marco da estratexia de transición cara á neutralidade carbónica, abondou.

Lorenzana, concluíu aludindo á importancia da formación e da retención do talento, así como de seguir avanzando na protección da seguridade e saúde laboral do sector; un asunto, dixo, ante o que Lugo Madera é un exemplo.

DEPUTACIÓN

O deputado de Medio Ambiente, Carlos López, destacou o compromiso da Deputación de Lugo coas empresas do sector en Lugo, que representan case o 50 % de Galicia, e puxo o acento na necesidade de apostar por un desenvolvemento sostible capaz de conservar o entorno natural.

“O cambio climático, a deforestación e a perda da biodiversidade son ameazas reais que requiren unha resposta decidida e concertada. E a madeira pode e debe desempeñar un papel fundamental neste sentido”, sinalou o Deputado. Na súa intervención, fixo referencia á madeira como “unha pedra angular na nosa economía, porque xera emprego e riqueza para numerosas familias. Pero tamén favorece a ordenación do territorio, axudando a evitar o seu abandono e contribuíndo á prevención de lumes”.

Carlos López fixo referencia ao peso das empresas lucenses e loou que a súa aposta de mellora constante, de adaptarse aos novos tempos, “é unha garantía para o futuro do sector”. Subliñou que “para seguir así, a nosa provincia precisa un sector madereiro forte, moderno, capaz de xerar emprego de calidade. Un sector que converta a madeira en fonte de desenvolvemento do noso rural e que aproveite o potencial dos nosos montes. Un sector que axude a frear a perda de poboación no rural, sexa capaz de atraer empresas e ofreza á mocidade a oportunidade de traballar nas súas vilas”.

Promover prácticas de xestión forestal sostible, accións encamiñadas á reforestación ou á xestión responsable dos nosos bosques, afirmou, “son pasos fundamentais para garantir que a madeira que utilizamos hoxe non comprometa os recursos das vindeiras xeracións". Destacou o Deputado que en Lugo “temos inspiradores exemplos de boas prácticas e temos que seguir fomentando, apoiando e apostando por este tipo de iniciativas”.

Carlos López subliñou que “investir en innovación e tecnoloxía ten que ser o camiño”. Investigar os novos usos da madeira, na mellora dos procesos de produción ou na adopción de tecnoloxías limpas “son aspectos que poden mellorar a eficiencia e reducir o impacto ambiental da industria”. Nese sentido, explicou que a madeira pode ser un recurso renovable e sostible, “pero só se o empregamos con todo o noso coñecemento e creatividade para xestionalo dun modo responsable”.

Na clausura da Asemblea Xeral entregaron a insignia de ouro ao xerente de Maderas Díaz Ramos, Daniel Díaz Ramos. Un acto ao que asistiron a Presidenta de Lugomadera, Mari Carmen Gayoso Montenegro; o Presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, Juan Vieites Baptista de Sousa; e a Conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana Somoza, entre outras autoridades.

0.068863868713379