Castro de Rei aproba por unanimidade o convenio para mellorar a estación de tratamento de auga potable

LugoXa | TerraChaXa
A sesión extraordinaria e urxente celebrouse para dar resposta á petición formulada por Augas de Galicia o pasado 24 de xullo
Imaxe dun grifo de auga
22 Aug 2026

O pleno do Concello de Castro de Rei aprobou por unanimidade o convenio de colaboración con Augas de Galicia para executar as obras de mellora da estación de tratamento de auga potable (ETAP) municipal. O proxecto conta cun orzamento base de licitación de 1.347.060,92 euros e permitirá substituír o actual sistema de tratamento por outro deseñado para reducir a presenza de arsénico na auga.

A sesión extraordinaria e urxente celebrouse para dar resposta á petición formulada por Augas de Galicia o pasado 24 de xullo, que requiría a aprobación do convenio por parte do Concello e a documentación necesaria para acreditar a dispoñibilidade de crédito.

A actuación financiarase entre a Xunta e o Concello. A administración autonómica achegará 1.077.648,73 euros, equivalentes ao 80% do investimento, mentres que o Concello asumirá os 269.412,19 euros restantes. A execución do proxecto distribuirase en dúas anualidades.

A principal intervención prevista é a instalación dun novo sistema de eliminación de arsénico formado por catro filtros lamelares de hidróxido férrico. Este equipamento substituirá o actual sistema de coagulación e floculación, instalado en 2019 e que, segundo o Concello, non permite garantir de maneira estable os parámetros esixidos pola normativa sanitaria.

O problema afecta especialmente ao abastecemento procedente do manancial de Quintela, que fornece a maior parte das parroquias do municipio. Os niveis de arsénico adoitan manterse dentro dos límites durante o inverno, pero aumentan nos meses de verán, cando o sistema actual ten dificultades para manter os valores esixidos e controlar tamén a turbidez da auga.

A normativa sanitaria europea reduciu o límite máximo de arsénico na auga destinada ao consumo humano de 0,50 a 0,10 miligramos por litro, o que obrigou nos últimos anos a aplicar restricións puntuais no abastecemento cando se superan os valores establecidos.

Restricións de consumo nos últimos anos

O problema rexistrou unha especial incidencia en 2025, cando o Concello mantivo durante case cinco meses restricións no consumo da auga da traída en 13 parroquias —Pacios, Outeiro, Bazar, Coea, Quintela, Bendia, Matodoso, Triabá, San Xiao de Mos, Ribeira de Lea, Duarría, Loentia e Mondriz— e no núcleo urbano de Ribeira de Lea.

Durante ese período, particulares e establecementos de hostalaría e alimentación tiveron que recorrer a alternativas para determinados usos, mentres o Concello realizou controis periódicos para comprobar a evolución dos niveis de arsénico.

A renovación da ETAP pretende solucionar estas limitacións e garantir que a auga da rede cumpra os parámetros establecidos durante todo o ano. O Concello considera que a actuación permitirá mellorar o tratamento e reducir a dependencia dos reactivos empregados actualmente, así como ofrecer un abastecemento apto para o consumo directo da rede.

0.11663103103638