Castro de Rei destinará 700.000 euros a investimentos nun orzamento de 5,4 millóns de euros

LugoXa | TerraChaXa
No apartado de transferencias correntes, o orzamento recolle máis de 800.000 euros destinados á escola infantil, á atención á dependencia e ao Servizo de Axuda no Fogar
Casa_Concello_Castro_de_Rei
4 Jun 2026

O Concello de Castro de Rei contará en 2026 cun orzamento de 5.435.265,51 euros, aprobado en pleno co apoio do equipo de goberno e a abstención dos grupos da oposición. As contas municipais contemplan un importante esforzo investidor, cunha partida que alcanza os 696.865,62 euros para a execución de diferentes actuacións en infraestruturas, servizos e equipamentos públicos.

Segundo explicou o alcalde, Francisco Balado, unha parte destacada dos investimentos destinarase á mellora da accesibilidade, a sinalización e a xestión de residuos no conxunto histórico e artístico do municipio, cun investimento próximo aos 163.000 euros e unha achega de 100.000 euros procedente de Agader.

O orzamento tamén reserva arredor de 220.000 euros para dous proxectos de mellora viaria en diferentes parroquias do concello, financiados parcialmente pola Deputación de Lugo. As actuacións desenvolveranse en núcleos como Prevesos, Castro de Rei, Santa Locaia, Bazar, Outeiro, Ramil, Ansemar, Loentia, Orizón, Duarría e Mondriz.

Entre as obras previstas figura tamén o acondicionamento de beirarrúas na Praza de Galicia, cun investimento superior aos 54.000 euros, así como a reparación da Ponte do Muíño de Reguntille, actuación que contará con apoio provincial.

As contas municipais inclúen ademais partidas para mellorar os accesos e a sinalización en distintos núcleos rurais, ampliar a rede de abastecemento de auga en Mondriz, Viladonga e Triabá, e renovar o alumeado público mediante a instalación de 51 luminarias LED e oito novos puntos de luz en Ponte de Outeiro e Bazar.

O Concello tamén destinará fondos á adquisición de camas xeriátricas para a residencia San Xoán e á mellora do parque infantil de Castro, entre outras actuacións previstas para o exercicio.

No apartado de transferencias correntes, o orzamento recolle máis de 800.000 euros destinados á escola infantil, á atención á dependencia e ao Servizo de Axuda no Fogar. Desta cantidade, máis de 700.000 euros proceden da Xunta de Galicia para programas relacionados coa dependencia e a escola infantil, mentres que a Deputación achega recursos para o SAF básico e outros servizos.

O alcalde destacou a ausencia de débeda municipal e a existencia dun equilibrio orzamentario, aínda que advertiu da necesidade de revisar algunhas taxas municipais.

0.11611294746399