Castro de Rei presenta un orzamento de máis de 6,1 millóns de euros para 2027, o máis alto dos últimos anos

O Concello de Castro de Rei presentará o proxecto de orzamentos municipais para 2027 no pleno que se celebrará este venres, 20 de novembro, ás 16.30 horas. As contas ascenden a un total de 6.146.891 euros, o que supón un incremento de máis de 700.000 euros con respecto ao orzamento aprobado para 2026 e converte este documento no de maior contía dos últimos anos.
Un dos aspectos máis destacados é o aumento dos recursos destinados aos investimentos municipais, que pasan dos 696.865 euros do último orzamento aprobado aos 1.096.170 euros previstos para 2027. Entre as principais actuacións figura a mellora da ETAP municipal, cun investimento de 1.347.000 euros, dos que o Concello achegará 164.432 euros.
Outra das intervencións destacadas será o proxecto de construción dunha praza pública e un parque infantil nos terreos do antigo campo de fútbol de Castro Ribeiras de Lea, que se desenvolverá en dúas fases e contará cun orzamento de 999.212,78 euros. O Concello contribuirá con 250.544,54 euros a esta actuación, que estará cofinanciada pola Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, mediante unha achega adicional de 500.000 euros ao Fondo de Cooperación Local, e pola Consellería de Infraestruturas, a través dun plan Hurbe cunha achega de 350.000 euros.
O documento económico contempla tamén outras partidas de menor contía destinadas ao investimento, como o Plan Camiña Rural da Xunta de Galicia e actuacións noutras áreas municipais.
No ámbito dos Servizos Sociais, o orzamento experimenta un incremento de 45.000 euros respecto ao último exercicio, pasando dos 713.472 euros aos 758.064 euros previstos para 2027. Estes fondos responden, en boa medida, ao financiamento da Xunta de Galicia para o Servizo de Axuda no Fogar destinado ás persoas en situación de dependencia.
O Concello define o proxecto como un orzamento equilibrado, sen débeda municipal e sen déficit, aínda que condicionado polas características territoriais do municipio. Castro de Rei conta cunha extensión de case 177 quilómetros cadrados e unha rede de 841 quilómetros de vías municipais, das que 325 están asfaltadas.
Esta realidade obriga a reservar cada ano unha parte importante das contas municipais, aproximadamente 400.000 euros, para a rexeneración e conservación da rede viaria. O Concello explica que Castro de Rei é un dos municipios galegos con maior produción de leite, ocupa o cuarto posto no ámbito autonómico e o segundo na provincia de Lugo, unha actividade que provoca un tránsito máis intenso polas estradas municipais e require un maior esforzo económico para o seu mantemento.
O proxecto de orzamentos para 2027 será sometido á consideración da Corporación municipal no pleno deste venres, coa previsión de que, unha vez aprobado, entre en vigor o próximo 1 de xaneiro.