Castro de Rei revive durante agosto as tradicionais tarefas da sega, a meda e a malla

TerraChaXa
A asociación Amigos da Feira organiza un programa que combina demostracións etnográficas, artesanía, música tradicional e gastronomía popular
MALLA-DE-CASTRO2
3 Aug 2026

Castro de Rei volverá converterse este mes de agosto nun escaparate das tradicións agrarias galegas coa celebración dun programa que recreará as antigas tarefas da sega, a meda e a malla, tres traballos fundamentais do ciclo do trigo que marcaron durante décadas a vida no rural da Terra Chá.

A programación arrincou o pasado 1 de agosto coa sega tradicional e continuará o 23 de agosto coa celebración da Meda, unha xornada na que se levantará o tradicional medón de trigo e que contará ademais cun mercado de artesanía, actuacións de música tradicional a través do programa Tradigalu 2026 e obradoiros de Mans Artesás.

O ciclo concluirá o 30 de agosto coa celebración da Malla, unha das citas máis populares do verán en Castro de Rei. A xornada permitirá contemplar a recreación do antigo proceso de mallado do cereal, ademais de incluír unha comida popular para a que xa se puxeron á venda os correspondentes tickets.

A iniciativa está organizada pola asociación Amigos da Feira, colectivo que leva anos traballando na recuperación e difusión destas tarefas tradicionais. O obxectivo é preservar un patrimonio inmaterial que forma parte da identidade da comarca e achegar ás novas xeracións o modo no que se desenvolvían os traballos agrícolas antes da mecanización do campo.

Segundo recolle o Concello de Castro de Rei, durante a sega recóllese o trigo cultivado nunha parcela duns 4.000 metros cadrados, da que se obteñen arredor de 2.000 quilos de cereal. Nas semanas seguintes ese mesmo trigo utilízase para a meda e, finalmente, para a malla, completando así un ciclo que reproduce con fidelidade as antigas labores agrícolas da Terra Chá.

Ao longo dos anos, esta celebración consolidouse como unha das citas etnográficas máis singulares da comarca, reunindo veciñanza e visitantes arredor dunha programación que combina tradición, cultura popular e gastronomía.

0.12153506278992