Castro Ribeiras de Lea converterase nun gran escape room ao aire libre para resolver o misterio dos polbos desaparecidos

LugoXa | TerraChaXa
Será este domingo 26 de xullo como unha nova edición do programa XOGAL 2026, unha proposta lúdica que mestura patrimonio, historia local e participación cidadá
XOGAL-xogando
23 Jul 2026

Castro Ribeiras de Lea, no concello de Castro de Rei, acollerá este domingo 26 de xullo unha nova edición do programa XOGAL 2026 cunha proposta lúdica que mestura patrimonio, historia local e participación cidadá. A iniciativa, titulada Castro de Rei e o polbo de ouro, transformará o centro da localidade nun gran escape room ao aire libre no que as persoas participantes deberán resolver un enigma relacionado cun dos elementos máis representativos da feira: a desaparición dos polbos.

A actividade arrancará ás 11.00 horas na Praza de Galicia e propón un percorrido polo corazón feiral da vila a través dun xogo interactivo que permitirá descubrir espazos, historias e tradicións ligadas a unha das feiras máis emblemáticas da comarca da Terra Chá. A proposta parte dunha pregunta que serve de fío condutor da aventura: que ocorreu cos polbos que durante décadas formaron parte da identidade da feira?

Desde os anos cincuenta, a feira consolidouse como un dos principais puntos de encontro social e comercial da zona. Agora, a través desta experiencia, os participantes terán que seguir pistas e superar diferentes retos para desvelar o misterio, ao tempo que coñecen aspectos históricos e culturais do municipio.

O circuíto foi deseñado pola empresa galega Escapeo, especializada na creación de experiencias gamificadas ao aire libre. O xogo contará con entre oito e dez probas distribuídas por distintos puntos da localidade, convertendo as rúas e espazos públicos nun auténtico taboleiro interactivo. A iniciativa busca fomentar o coñecemento do territorio mediante unha fórmula innovadora que combina lecer, cultura e tecnoloxía.

As inscricións xa están abertas e poden formalizarse a través da páxina web da organización. Para participar só será necesario dispoñer dun teléfono móbil con conexión a internet e batería suficiente, xa que o sistema funciona directamente desde o navegador web e non require a descarga de aplicacións.

A actividade está recomendada para persoas maiores de dez anos, aínda que os menores desa idade poderán participar acompañados dunha persoa adulta responsable. Ademais do recoñecemento ao equipo que complete o percorrido con mellor resultado, a organización realizará un sorteo entre todos os participantes.

Unha das novidades do programa é que, unha vez celebrada a xornada inaugural, o escape room permanecerá activo durante un mes. Desta maneira, tanto a veciñanza como os visitantes poderán realizar a experiencia gratuitamente e ao seu propio ritmo, contribuíndo a dinamizar a actividade turística e cultural do municipio.

A cita de Castro de Rei forma parte dun programa máis amplo que este verán percorre dez concellos galegos co obxectivo de promover o patrimonio local a través do xogo. XOGAL 2026 está impulsado polos Grupos de Desenvolvemento Rural Terra Chá, Terras de Miranda, Montes e Vales Orientais e Miño Ulla, en colaboración coa empresa Escapeo, e continuará nas próximas semanas noutras localidades galegas como Taboada e Foz.

0.12591409683228