Castroverde e Meira reciben unha coitela quitaneves
O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, participou na entrega de cadansúa coitela quitaneves aos concellos ourensáns da Gudiña, A Rúa, Baños de Molgas, Vilamartín de Valdeorras e Vilariño de Conso, aos lucenses de Cervantes e Meira, e ao pontevedrés de Lalín. A Xunta investiu 51.600 euros neste material de emerxencia para actuar no caso de nevadas nos municipios cunha altitude media superior aos 800 metros, segundo o establecido no Plan NEGA.
Trátase de coitelas dotadas de reforzos traseiros e con rodas integradas para facilitar a súa montaxe e desmontaxe. Cunha anchura de limpeza de case dous metros, dispoñen ademais de mando a distancia e sistema de mans libres, así como dun sistema de autodiagnóstico que permite identificar calquera problema eléctrico que lle afecte ao funcionamento.
Con esta entrega complétanse as dotacións concedidas ao abeiro da orde de 2021 para a adxudicación de equipamentos de emerxencias aos concellos, mancomunidades e agrupacións de concellos galegos que conten con agrupacións de voluntarios de Protección Civil. Nelas tamén se inclúen 19 vehículos pick-up, seis remolques, 26 tendas de campaña para atención ás emerxencias e oito esparexedores de sal.
Cómpre sinalar que neste marco de acción e xa ao abeiro da orde de 2022, dotada con máis de 1M€, vanse conceder oito vehículos todoterreo, oito remolques, 30 tendas de campaña, oito coitelas, 20 esparexedores, 13 embarcacións pneumáticas duns catro metros de eslora e 120 desfibriladores externos. A iniciativa, cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) e destinada a concellos de menos de 50.000 habitantes, supuxo nos últimos anos un investimento de case 600.000 euros en equipamento específico para facerlle fronte ao risco de nevadas e xeadas.
Entre o material cedido aos concellos neste período, tanto agrupacións de Protección Civil como GES, inclúense 208 vehículos todoterreo, 187 remolques de emerxencias, 123 tendas de campaña de emerxencias, 98 esparexedores de sal, 70 embarcacións, 65 furgóns de emerxencias e 23 de servizos varios, 34 equipos de excarceración, 43 coitelas quitaneves, 21 motobombas, 4 UTV e 212 equipos de protección individual contra a vespa velutina. No caso concreto das AVPC destacan 182 vehículos tipo pick-up e 170 remolques de emerxencias xunto con material específico para facer fronte ás emerxencias nos concellos de montaña onde son frecuentes nevaradas e nos costeiros ou con encoros.