Cazas celebrará o día 30 unha gran xuntanza popular no Campo da Pastora

A parroquia de Cazas, no concello de Xermade, acollerá o vindeiro sábado, 30 de maio, unha Xuntanza Popular no Campo da Pastora, unha cita festiva que combinará música, gastronomía e actividades para todas as idades.
A programación arrancará ás 12.30 horas cunha misa solemne. A continuación celebrarase a sesión vermú, que estará amenizada polo dúo Primera Línea. Posteriormente terá lugar o xantar popular, cun menú a base de pulpo a fartar e churrasco mixto, acompañado de sobremesa, bebida e café.
Os prezos establecidos para o xantar serán de 35 euros para persoas adultas, 17 euros para nenos e nenas de entre 6 e 12 anos, mentres que os menores de seis anos poderán asistir de balde.
Durante a tarde haberá animación musical a cargo do DJ Señor Magick e actividades para o público infantil organizadas por Ita Animación. Ademais, os asistentes poderán seguir en directo a final da Champions League e participar nos sorteos previstos pola organización.
A partir das 21.30 horas ofrecerase unha degustación de liscos e chourizos antes de dar paso á verbena, que contará novamente coa actuación do DJ Señor Magick e do dúo Primera Línea.
As persoas interesadas en asistir poden reservar os seus tickets contactando coa organización a través dos teléfonos 634 835 755, 628 861 253 e 636 872 448.