CCOO denuncia que a Consellaría do Medio Rural cesa este mes case o 55 % do dispositivo contra incendios
Comisións Obreiras denuncia que a Consellaría do Medio Rural cesa este mes case o 55 % do Servizo Público de Defensa contra Incendios Forestais (SPDCIF). Con data do 12 de novembro, o departamento autonómico deixou sen traballo 436 traballadores e traballadoras, ás que se sumarán outros 626 a partir do día 30. Trátase dos integrantes do SPDCIF con contratos fixos-descontinuos de tres e nove meses, respectivamente.
CCOO alerta deste «desmantelamento» do dispositivo, que se incrementaría ao 65 % se se contase a parte do operativo que depende da empresa pública SEAGA. O sindicato denuncia que, ao tempo que persoal do servizo público vai ao paro, continúan a prestar servizo empresas privadas, como é o caso da UTE Babcock-Natutecnia.
Desde CCOO salientan este paradoxo, máis aínda na mesma semana en que varios medios de comunicación se fan eco da investigación aberta contra o director xeral de Ordenación Forestal en relación coa contratación de medios aéreos.
As trinta medidas de Feijóo non achegan nada novo
En referencia ás trinta medidas anunciadas por Feijóo días atrás na súa proposta de acordo forestal, CCOO sinala que «non achegan nada novo». Máis da metade xa as recolle a lexislación vixente: dezaseis das propostas «significarían unicamente cumprir o que di a lei». Outras, fan referencia leis anteriores ao 2009 e que xa foron derrogadas. Unicamente seis das propostas rectificarían a política aplicada ata agora pola Xunta.
O sindicato non na Xunta un compromiso por mellorar a situación, máis aínda cando manetén un corpo profesional de bombeiros forestais «totalmente en precario», con 1062 traballadores que non poden traballar todo o ano e con máis do 50 % dos efectivos con contratos temporais.
CCOO pide unha mesa de diálogo e negociación para modificar as funcións do SPDCIF, encamiñadas non só á extinción, senón tamén á prevención. Así mesmo, aposta pola integración de todos os colectivos do operativo público nun único servizo cun mando único.
Por último, desde CCOO insisten na necesidade de cambiar o modelo actual por outro que poña en valor o medio natural, axude a fixar poboación no rural e fomente unha economía sostible e xeradora de equilibro ecolóxico.