Cen desempregados de Abadín, Vilalba e Mondoñedo participan nun programa integrado de emprego
Os concellos de Vilalba, Abadín e Mondoñedo participarán nun programa integrado de emprego do que poderán beneficiarse cen persoas desempregadas e que combina unha fase de asesoramento e orientación profesional con outra posterior de formación e prácticas en empresas.
A iniciativa que comparten os tres concellos terá unha duración de 12 meses, ata o 31 de outubro de 2019. Para o desenvolvemento das accións programadas contarase con persoal dos Servizos Sociais municipais e das axencias de Emprego e Desenvolvemento Local. Ademais, serán contratados un técnico superior e tres técnicos medios que se ocuparán de coordinar as diferentes actividades en cada concello.
A selección inicial das persoas beneficiarias corresponde ás oficinas de emprego, polo que os interesados poderán informarse nelas ou ben dirixirse aos seus correspondentes concellos.
A formación recibida daralles dereito aos participantes a obter os certificados de profesionalidade de Atención Sociosanitaria a Persoas Dependentes en Institucións Sociais (450 horas) ou ben o de Transporte Sanitario (560 horas). As accións formativas vinculadas á obtención destes certificados incluirán unha parte de prácticas profesionais en empresas do sector.
Para facilitar a asistencia ás accións planificadas están previstas medidas de conciliación, tales como a posta á disposición dos participantes de escolas infantís e puntos de atención á infancia ou asistencia a persoas dependentes que precisen de coidadores.
A programación abrangue cursos de formación transversal e obradoiros nas seguintes materias: As redes sociais na busca de emprego, Igualdade de oportunidades, Activación e motivación para a busca de emprego, Claves para superar a entrevista de traballo, Inglés básico, Habilidades sociolaborais, Emprendemento e autoemprego e Mobilidade laboral.
Estes programas teñen por obxectivo incrementar as oportunidades laborais das persoas desempregadas, a través de actuacións que buscan a especialización. A formación programada céntrase naqueles campos que son máis receptivos para acadar unha boa integración laboral. No caso da iniciativa que se desenvolverá nestes tres concellos, os participantes adquirirán coñecementos no sector sociosanitario.
Estes plans levan aparellado un compromiso mínimo de inserción laboral do 30%. Neste caso, polo menos 30 participantes realizarán prácticas laborais durante tres meses. A media de inserción acadada a través dos programas integrados impulsados pola Xunta nos últimos anos é do 40%.