Ceden ao Concello a titularidade da estrada de Cabreiros a Touza

TerraChaXa
O Consello da Xunta autorizou o cambio de titularidade a prol do Concello de Xermade dun treito antigo da estrada LU-P-2209.
estrada cabreiros a touza
13 Feb 2021

O Consello da Xunta autorizou o decreto polo que se aproba o cambio de titularidade a prol do Concello de Xermade dun treito antigo da estrada LU-P-2209 que comunica Cabreiros e Touza.

O Concello de Xermade solicitou á Deputación Provincial de Lugo a cesión do treito antigo desta vía provincial, de 140 metros de lonxitude. Este treito da LU-P-2209 comeza á altura do punto quilométrico 16+560, na marxe esquerda da estrada autonómica LU-861, que une Vilalba e Igrexafeita, e remata no paso inferior da autoestrada AG-64, Ferrol-Vilalba.

A deputación dá a súa conformidade á transferencia da titularidade deste antigo treito de vía provincial.

A transferencia tramítase de acordo co previsto na Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, que establece a súa aprobación por decreto da Xunta, por proposta da consellería competente en materia de estradas, e logo do acordo entre as administracións implicadas.

Co cambio de titularidade aprobado polo Executivo autonómico, o Concello de Xermade terá a competencia para actuar nesta vía e asume a súa xestión e conservación.

O cambio de titularidade será efectivo desde o día seguinte da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia.

A entrega dos bens formalizarase no prazo dos dous meses seguintes a esta publicación no DOG mediante a sinatura da correspondente acta de entrega entre concello e deputación.

A partir da formalización da entrega, corresponderanlle ao Concello de Xermade todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación da vía.

0.21717214584351