Centros de ensino da provincia participan en actividades que fomentan o uso responsable do territorio

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
A Xunta achégase a unha vintena colexios para fomentar o coñecemento e uso responsable do territorio galego
alumnos xove territorio xunta
20 Xuño 2022

Técnicos e persoal especializado da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) desprazáronse nos últimos meses ás aulas dunha vintena de centros educativos de toda Galicia para concienciar e divulgar información sobre a paisaxe galega no marco da actividade Eu son inspect@r urbanístic@. Coida do territorio, coida do teu.

Concretamente, neste curso 2021-2022 formouse a un milleiro de alumnos de numeroso centros galegos entre os que se atopan os lucenses CEIP Terra Chá (Vilalba), CEIP Otero Pedraio (Rábade), CEIP Plurilingüe Pedro Caselles Rollán (Xove), IES A Pinguela (Monforte de Lemos) e EEI San Roque (Viveiro).

A actividade está impulsada pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en colaboración co Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, e desenvólvese no marco do Proxecto Terra, para o que a Xunta de Galicia achega unha contía anual de 160.000 euros. Trátase dunha iniciativa dirixida á comunidade educativa e na que xa participaron máis de 62.000 estudantes ao longo dos seus 20 anos de traxectoria. Ademais, foi recoñecido co Premio Nacional de Urbanismo no ano 2010 polo labor que realiza para divulgar entre as novas xeracións a importancia de promover un desenvolvemento territorial ordenado.

Nestas sesións, o alumnado de infantil, primaria e secundaria dos centros educativos galegos realiza actividades de teatro, formativas e expositivas adaptadas á súa idade. A través do estudo da contorna onde viven, preténdese ensinarlles a importancia de coñecer os elementos que definen unha paisaxe, os instrumentos de ordenación do territorio, as licenzas urbanísticas e, en definitiva, todas as ferramentas imprescindibles para unha correcta intervención e preservación do territorio.

En vista da gran demanda que houbo este ano para participar en Eu son inspect@r urbanístic@. Coida do territorio, coida do Teu, o vindeiro curso 2022-2023 levarase a cabo unha nova edición. Deste xeito, os centros interesados poderán solicitar sumarse á iniciativa a partir do mes de setembro.

alumnos rabade territorio xunta
0.16165113449097