César Mogo afea ao PP que “se quede a medias” nas súas reivindicacións durante a visita a Vilalba

TerraChaXa
Pediulles que tamén reclamen as mesmas actuacións por parte da Xunta, como a situación da estación de autobuses ou a transferencia da Casa dos Mestres
Imaxe de Cesar Mogo
3 Jul 2026

O senador socialista por Lugo, César Mogo, respondeu ás declaracións realizadas polos seus homólogos do Partido Popular durante a súa recente visita a Vilalba para reclamar información ao Estado sobre o futuro da antiga Casa Sindical, un inmoble que permanece sen uso e nun avanzado estado de deterioración.

Mogo asegurou que comparte a preocupación polo aproveitamento dos edificios de titularidade estatal que actualmente están infrautilizados e mostrou o seu interese en que se coñeza canto antes o destino que terá o inmoble vilalbés. Con todo, considerou que os representantes populares desaproveitaron a súa visita á capital chairega ao non reclamar tamén actuacións noutras infraestruturas que dependen da Xunta de Galicia.

Neste sentido, o senador socialista sinalou o estado da estación de autobuses de Vilalba, unha instalación que, segundo indicou, "presenta importantes deficiencias de conservación". Lembrou que o Concello vén reclamando de maneira reiterada melloras neste equipamento, "sen que ata o momento a Administración autonómica atendera estas demandas".

Mogo tamén se referiu ás antigas casas dos mestres, inmobles propiedade da Xunta para os que o Concello solicitou a súa transferencia. Segundo explicou, "esta petición continúa sen resposta definitiva por parte do Goberno galego", o que atribuíu á "falta de iniciativa" da Administración autonómica.

O senador destacou a xestión do actual goberno municipal, encabezado pola alcaldesa de Vilalba, e puxo en valor as actuacións desenvolvidas nos últimos anos para mellorar os servizos e as infraestruturas da localidade. Ao mesmo tempo, reclamou unha maior implicación da Xunta de Galicia, á que considera a administración con máis responsabilidade para atender as necesidades do municipio.

Por último, César Mogo instou aos representantes do PP a ampliar o foco das súas reivindicacións en futuras visitas a Vilalba e a interesarse tamén por aquelas cuestións que dependen directamente do Executivo autonómico, convencido de que iso contribuiría a dar resposta a demandas pendentes da veciñanza.

0.14351296424866