Champivil envasou 112.000 quilos de grelos de 40 produtores da Terra Chá

TerraChaXa
A empresa chairega Champivil-Castelo, especializada en produtos naturais de Galicia, remata esta semana a campaña do grelo cun balance de 112.
champivil_grelos
15 Abr 2018

A empresa chairega Champivil-Castelo, especializada en produtos naturais de Galicia, remata esta semana a campaña do grelo cun balance de 112.000 quilos de produto transformado na súa planta da parroquia vilalbesa de Mourence. Malia tratarse dunha campaña "atípica", o volume de produto final envasado foi un 10% superior á campaña do ano 2017, segundo explica a xerente de Champivil, Luz Divina Castelo.

Champivil foi a primeira empresa galega en envasar grelo en conserva, no ano 2002, como un xeito de dar valor engadido e ampliar a vida útil a un produto estacional típico de Galicia, como é o grelo, de deste xeito pode consumirse durante todo o ano. A empresa vilalbesa merca o produto en fresco a 40 produtores da zona e transfórmao no mesmo día para que non perda ningunha das súas características nutricionais e organolépticas, dando traballo na súa planta de envasado a 8 persoas durante a campaña do grelo. Champivil só envasa produtos de tempada, polo que só fai as súas conservas de grelos durante as 5 ou 6 semanas nas que se dá a súa produción. "Nós non envasamos nabiza, só grelo, e o grelo só se dá un mes no ano. Pensamos que esta é a maneira de darlle maior valor engadido ao produto", argumenta Luz Divina Castelo, que defende que "debería diferenciarse na comercialización da nabiza, que pode realizarse durante todo o ano, do grelo, que só se dá no inverno, e considerar o grelo un produto delicatesen, como fan en Navarra cos espárragos, para deste xeito aumentar o seu valor".

O grelo de Champivil preséntase en varios formatos: en conserva ao natural, en latas de 425 e 850 gramos, listas para abrir e comer, ou conxelado, en paquetes dun quilo para consumo familiar e en gran formato para a hostalaría. Tanto en conserva como conxelado, a verdura non leva ningún tipo de conservante nin produto engadido, sendo sometida simplemente a un proceso de escaldado en auga quente e arrefriado a temperatura ambiente.

A campaña, que este ano veu máis tarde, comezou a finais de febreiro e está a piques de rematar. "Foi un ano de menor produción por culpa da seca do outono, que retrasou o medre da planta, pero o frío e a choiva que veu despois e que se mantivo durante todos estes meses de inverno fixo que a colleita se aguantase máis tempo do habitual", explicou Luz Divina Castelo. En canto á calidade, a xerente de Champivil afirma que "hai anos que non había unha campaña tan boa porque o frío e a chuvia contribuiu a que o grelo sexa tenro, blando e saboroso e cun grado de acidez menor".

Maior superficie plantada por mor das restriccións á plantación de pataca

A produción final tamén se veu favorecida polo feito de que distintas zonas dos concellos de Xermade e Vilalba, de onde proceden a maioría dos produtores que subministran a Champivil, atópanse dentro da franxa de 5 quilómetros declarada zona tampón pola afectación da couza guatemalteca da pataca, con restriccións ao atopárense limítrofes aos concellos onde existe prohibición de plantación de tubérculo. "Houbo xente que non botou patacas e aproveitou para producir grelos, polo que a superficie plantada este ano na Terra Cha foi maior que en anos anteriores", conta Luz Divina Castelo. 

O grelo é un produto natural e saudable con ingredientes antioxidantes e anticanceríxenos segundo distintos estudos realizados por científicos do CSIC. Trátase dun dos sinais de identidade da gastronomía galega, emblema da chamada Dieta Atlántica e unha das claves de que os galegos e galegas teñamos, xunto aos xaponeses, unha das maiores taxas de lonxevidade do mundo.

Esta empresa chairega caracterízase pola súa innovación constante sacando continamente ao mercado novas elaboracións a base de materias primas naturais de Galicia, seguindo a liña de traballo dos últimos anos da firma de Vilalba: mimar o produto galego e innovar na súa comercialización. Champivil elabora unhas 200.000 latas ao ano de grelo en conserva, cocido e envasado ao natural, pero a empresa chairega tamén fai outras elaboracións novidosas como crema de grelos, caldo, preparado de tortilla de patacas con crelos e mesmo licor e cervexa de grelos.

Novos Formatos para facilitar o consumo

A xerente de Champivil, Luz Divina Castelo, explica que "as distintas elaboracións que facemos non levan ningún tipo de conservante nin potenciador de sabor porque non o precisan, simplemente facemos as preparacións cos mesmos ingredientes cos que cociñan os distintos platos tipicos galegos as nosas nais e avoas e enlatamos para que ese produto poida ser consumido por calquera persoa sen ter que botar horas cociñando, porque iso xa o facemos nós por eles", afirmou. 

O formato no que se presenta o produto, en latas de 425 gramos, está pensado para facilitar o consumo por parte dos clientes. "Hoxe en día un dos problemas da sociedade actual é a falta de tempo e en Champivil non queremos que os consumidores teñan que renunciar a comidas tradicionais por excelencia de Galicia, como é o caldo, os grelos ou a tortilla de patacas e facilitámoslles o seu consumo nun formato individual listo para abrir, quentar e comer", explica a xerente de Champivil. 

A xerente de Champivil explica que a filosofía da empresa é "poñer en valor os produtos naturais de Galicia primando a calidade e traballando con produtos de tempada". A empresa vilalbesa, que dá traballo, dependendo da época do ano, até a 9 persoas, a maioría mulleres, elabora os seus produtos nunha nave de 800 metros cadrados situada en plena zona rural ás aforas de Vilalba.

Champivil traballa por campañas, cada unha no seu tempo (setas no outono, grelos no inverno, estrugas e árnica na primavera e marmeladas no verán) e e atópase neste momento rematando campaña dos grelos, que prepara en distintas elaboracións, dado que outra das claves da empresa é non deixar de innovar aportando ao consumidor novos produtos. Despois virá a campaña da verza e as estrugas.

Numerosos premios e recoñecimentos nos últimos anos

A empresa vilalbesa foi recoñecida nos últimos anos con numerosos galardóns pola súa innovación e a calidade dos seus produtos, entre eles, os grelos en conserva, que recibiron o segundo premio de Alimentación Salimat 2002 da Semana Verde de Silleda e o Taste Award outorgado en Bruxelas no ano 2012. Champivil recibiu tamén o pasado mes de marzo o primeiro Premio Son Muller 2018 na categoría de Empresa Rural, outorgado pola Asociación de Mulleres Empresarias de Lugo, que se suma a outros recoñecimentos como o premio Joven Empresario de Galicia no ano 2011, o premio Aresa de desenvolvemento rural no ano 2013, un accésit á internalización no III premio Joven Empresario de Galicia de 2013, a mención de honra no III premio Xoven Empresario de Lugo 2011 ou o Taste Award 2010 outorgado en Bruxelas ao boletus edulis en conserva en aceite de oliva.

Champivil-Castelo, é unha empresa de Vilalba con máis de 50 anos de historia pioneira na exportación de setas silvestres galegas a Europa e na posta en valor de produtos naturais galegos baixo a filosofía de envasar a materia prima de produtores locais e sempre en tempada. Neste momento conta cunha ampla gama de produtos no mercado, que van desde as conservas naturais de grelos, verzas ou estrugas, ás setas deshidratadas, as marmeladas de froitos vermellos ou os preparados de caldo ou tortilla de patacas. Os produtos de Castelo traspasan as fronteiras galegas a través das grandes cadeas de distribución como Gadis, Eroski, Carrefour ou El Corte Inglés.

Historia: todo comezou nunha pequena tenda-taberna

Divina Campello, avoa da actual xerente de Champivil, foi pioneira en Galicia na compra-venda de setas silvestres aló polo ano 1949 na tenda taberna que tiña na aldea vilalbesa de Distriz.

Seguindo a tradición familiar, Andrés Castelo fundaba xunto a súa muller Mari Luz en 1977 unha empresa de exportación de produtos silvestres e comezaba a buscar novos mercados dentro e fóra de Galicia logrando entrar nos mellores mercados europeos (Italia, Suíza, Francia) e abastecer con cogumelos galegos ás principais zonas consumidoras deste produto dentro de España (Comunidade Valenciana, País Vasco e Cataluña). 

No ano 1982 nunha nave pegada á casa familiar, na parroquia de San Xián de Mourence, a empresa creaba unha pequena zona de fabricación de conserva e comezaba a envasar para marcas francesas.

Pero é no ano 2001 coa incorporación de Luz Divina á empresa familiar cando se produce a gran revolución de Champivil, ao crear unha marca propia (Castelo) coa que etiquetar e distribuír as súas conservas, que pouco a pouco foron ampliando a gama de produtos até abarcar na actualidade unha importante variedade: cogumelos, grelos, verzas, marmeladas, preparados para tortilla, arroz con setas, crema de grelos, licores de setas e cervexa artesá.

0.14837098121643