Chega o final da folga da recollida de lixo en Vilalba
Máis dun mes despois de iniciarse a folga indefinida, este mércores acadouse un preacordo para o convenio colectivo da recollida de lixo e limpeza viaria do Concello de Vilalba. O texto será sometido ao parecer dos traballadores e das traballadoras na asemblea convocada para o próximo venres ás 13:30h.
Sobre o contido do preacordo, en materia económica logrouse unha suba do 6% para o ano 2023, mentres que en 2024 e 2025 os incrementos serán do 4% en cada unha das anualidades. A maiores, o persoal cobrará unha prima de convenio de 400 euros.
Xunto a isto, conseguiuse un día máis de vacacións (31 días), rebaixar a xornada semanal das 39 ás 37,5 horas, e a garantía de que, no caso de ter que realizar traballos de superior categoría, se percibirá a parte proporcional do tempo traballado en cada categoría.
En canto á roupa de traballo, a empresa proporcionará dúas prendas de cada e un par de botas Goretex. E no relativo ás melloras sociais acadouse, entre outras, un permiso non retribuído dun mes que se poderá solicitar cun mes de antelación agás causas excepcionais.
Xosé Paz, representante da CIG-Servizos, subliña que chegar a este preacordo só foi posíbel grazas á mobilización e á loita desenvolvida polos traballadores e traballadoras que dende o pasado 21 de agosto está en folga indefinida. Neste senso, critica a postura intransixente e as manobras de Urbaser para dilatar a negociación e lamenta que o Concello estivera todo este tempo máis preocupado por minimizar os efectos da folga na rúa que por traballar na busca dun acordo.
Así as cousas, Paz valora que con este preacordo se garante a recuperación e o mantemento do poder adquisitivo dos traballadores/as, que levan dende 2020 cos soldos sen actualizar, e se avanza nunha mellora das condicións laborais e sociais.
O CONCELLO
Para o Concello, o acordo entre Urbaser e os traballadores garante a paz social e as condicións laborais da plantilla ata finais do ano 2025.
Engaden que a posición do concello foi clave na sinatura deste preacordo, coa presenza na reunión do concelleiro de Servizos de Vilalba, Eduardo Vidal.
“Quero agracecer ás partes implicadas e á mediación do Consello Galego de Relacións Laborais a boa vontade para poñer fin á folga”, afirma Vidal.
O concello quere agradecer tamén a comprensión dos veciños e veciñas, aos que pide desculpas polas consecuencias derivadas da folga.