Chegados de lonxe

TerraChaXa | RibeiraSacraXa | SarriaXa | LugoXa | AMariñaXa
Coa nosa VOZ, artículos do escritor Pablo Veiga, que trata os temas de actualidade cun toque persoal e atentendo a esta provincia.
Pablo Veiga
19 Abr 2021

Por Pablo Veiga

Nesta columna aludimos de forma habitual –recoñezo que pode chegar a ser algo canso- a dous fenómenos típicos da Galicia Rural, o despoboamento e o avellentamento. Unha constante que nos persegue desde hai décadas e que semella non ter visos de corrixirse.

Mais sempre aparecen excepcións a esta realidade que nos serven,  ou deberían servir, primeiro, para pensar que existen opcións e posibilidades de futuro, e en segundo lugar, para dármonos conta que no noso entorno máis próximo atesouramos unhas potencialidades que resulta lamentable non sexamos quen de aproveitalas.

E exemplos do mencionado atopámolos en tres historias protagonizadas por tres homes chegados de lonxe e que decidiron asentarse na nosa Terra. Os protagonistas son un ruso, un italiano e un galés.

O ruso foi parar ós Ancares, onde ambiciona abrir un museo de ferreiros, desde o cal  pretende, a través dos utensilios e ferramentas, así como das historias recopiladas, dar a coñecer un oficio que era fundamental nas nosas aldeas hai décadas e que se foi perdendo. “Un lugar de encontro no corazón de Navia de Suarna” . Así é como o mesmo artista o define, desexando que a súa iniciativa teña un carácter interactivo tanto coa veciñanza como cos visitantes.

O italiano é un mozo de trinta anos que apareceu en San Xulián, Sarria, xusto  antes de comezar este pesadelo que condiciona a toda a Humanidade. Veterinario el, a súa iniciativa consiste en vender rubia galega por medio da rede social Instagram a clientes do seu país. Descubriu que a carne producida nas nosas fincas pola raza de bovino máis significativa, tería notable éxito nos restaurantes de Milán ou Turín, como así está a acontecer realmente. Veu polas vacas de carne, pero namorouse tamén do estilo de vida.

E a terceira historia ten como actor principal a un oriundo de Gales, nas Illas Británicas. Neste caso, a súa motivación resulta un tanto peculiar, xa que chama a atención o santuario para burros que habilitou en plena Ribeira Sacra, bisbarra da que quedou prendado cando a visitou por primeira vez hai máis de quince anos e na que chegou a vivir con seu pai, como fixeron e están a facer compatriotas deles nunha zona de extraordinario atractivo. Xa son catorce inquilinos aos que presta atencións dentro deste proxecto, o cal traspasa fronteiras a través da Internete, obtendo recoñecementos e aplausos.

Eles son Pavel Yakushev, Matteo La Mantia e Christopher Crump, naturais de Rusia, Italia e Gales respectivamente. Os tres transmiten un espírito inquieto, inconformista e viaxeiro, que os levou por diferentes lugares ata que finalmente ficaron en destinos dos que a xente propia leva fuxindo anos na procura dunha mellor vida. Pero estes tres atoparon o que buscaban precisamente nunhas aldeas dos Ancares, de Sarria e da Ribeira Sacra. Un rescatando a riqueza dun vello oficio, outro vendendo carne de vaca rubia a restaurantes do seu país e o terceiro poñendo en funcionamento unha residencia para burros.

Cómpre darlles a benvida e desexarlles éxito na súa aventura, porque eles, cos seus respectivos acentos, están a facer País.

0.19096207618713