CHMS e Concello avanzan na construción do centro de interpretación do Alto Miño

TerraChaXa
José Antonio Quiroga, presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), Organismo autónomo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, e o alcalde da Pastoriza, Primitivo Iglesias, rubricaron o Convenio de colaboración que posibilitará a construción do Centro de Interpretación do Alto Miño en Fonmiñá.
hghjk 070
29 Sep 2020

José Antonio Quiroga, presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), Organismo autónomo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, e o alcalde da Pastoriza, Primitivo Iglesias, rubricaron o Convenio de colaboración que posibilitará a construción do Centro de Interpretación do Alto Miño en Fonmiñá.

O investimento total necesario estímase en 250.000,00 euros, importe que será asumido integramente pola Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, O.A., pola súa banda o Concello da Pastoriza poñerá a disposición os terreos necesarios para a execución do proxecto de obra, as súas modificacións e posibles obras complementarias, mediante certificación para o efecto expedida polo secretario da corporación local.

Unha vez finalizadas e recibidas as obras por parte da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, O.A., comunicarase ao Concello da Pastoriza tal circunstancia, achegando unha copia da acta de recepción, sendo entregadas para o seu uso público a este último para a súa xestión, mantemento e conservación provisionalmente ata a tramitación da mutación demanial.

“Esta será a primeira actuación na cabeceira do río Miño, co ánimo de poñer en valor toda a zona do Alto Miño; os seguintes pasos serán a instalación doutro punto informativo na contorna do Pedregal de Irimia, lugar de nacemento do Miño, e a execución dunha senda que unha Irimia con Fonmiñá para visibilizar o potencial desta zona de alto valor natural e paisaxístico que une os territorios dos concellos de Meira e A Pastoriza”, explicou o presidente da CHMS.

A boa comunicación deste espazo natural, ao bordo da estrada LU-122, a dispoñibilidade de aparcamentos e sobre todo os valores naturais da zona, foron as principais características para a localización deste centro de interpretación no que se visibilizarán os valores de fauna, flora e aspectos antropolóxicos relacionados coa auga superficial e co río Miño para potenciar os devanditos valores nun lugar que xa de seu é visita habitual de escolares e viaxeiros de todo tipo.

As actuacións para executar consisten na construción dunha edificación de planta baixa, cunha superficie útil aproximada de 250 m2, sobreelevada lixeiramente sobre a rasante do terreo, con materiais da zona.
“En canto ao deseño interior, será simple e intuitivo e dotado de tecnoloxía adaptada aos novos tempos, co ánimo de facelo atractivo para foráneos, visitantes e moi enfocado á comunidade escolar”, explicou Quiroga.

“Estas actuacións, por tanto, son o inicio dun proxecto global para valorizar o importante patrimonio ambiental e paisaxístico da cabeceira do Miño” concluíu o presidente.

0.11975002288818