‘Ciencia para novos investigadores’ achega máis de 700 estudantes preuniversitarios á USC

TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | RibeiraSacraXa

O ciclo Ciencia para xoves investigadores, un programa de estímulo de novas vocacións científicas entre o estudantado de ensino medio impulsado por docentes, investigadores e demais persoal da Facultade de Ciencias do campus de Lugo da USC, achegou este martes ao centro universitario lugués estudantes de ESO e de Bacharelato procedentes dos Ies Lucus Augusti, de Lugo, e Gregorio Fernández, de Sarria.

18 ene 2023

A visita desta delegación de futuros estudantes universitarios deu continuidade ao programa comezado a pasada semana e que chegará ao seu colofón este venres logo de contabilizar máis de 700 estudantes preuniversitarios procedentes de trece centros educativos da provincia de Lugo.

A decana da Facultade de Ciencias, Asteria Luzardo, foi a encargada de dar a benvida ao alumnado participante no programa Ciencia para novos investigadores, unha iniciativa coordinada polo catedrático José Blanco, e na que tamén colaboran docentes, investigadores e persoal do centro universitario, que permite ao estudantado participante coñecer de primeira man as instalacións universitarias da Facultade de Ciencias de Lugo, así como a súa oferta de estudos e servizos.

Este ciclo de divulgación e estimulación de vocacións científicas, tamén permite á mocidade iniciarse no mundo da experimentación a través do desenvolvemento de diferentes experiencias prácticas no laboratorio.

A décima edición do programa Ciencia para novos investigadores, un ciclo que retoma a súa actividade logo do parón experimentado durante a pandemia, permite trasladar a oferta formativa e as liñas de I+D que se desenvolven na Facultade de Ciencias da USC a estudantado preuniversitario dos institutos de ensino secundario Ollos Grandes, Ánxel Fole, San Xillao, Lucus Augusti, Colexio Divino Maestro, Colexio PP. Franciscano, Colexio Maristas-A Inmaculada e Colexio San Xosé, da capital luguesa, así como ao alumnado doutros centros educativos da provincia como son o IES A Pinguela, de Monforte; os Ies Gregorio Fernández e Xograr Afonso Gómez, de Sarria; o CPI de Castroverde, e o IES Basanta Silva, de Vilalba.