CIG denuncia o peche de camas e a redución dos quirófanos previsto para o verán no Hospital da Mariña

TerraChaXa | AMariñaXa
CIG-Saúde da Mariña denuncia o “peche de camas” durante o período estival no hospital e amósase “indignada” polo intento da Xerencia de intentar normalizalo a través de xustificacións como pode ser o descenso na actividade asistencial, as vacacións do persoal facultativo e a non cobertura das mesmas, e as obras.
Captura de pantalla 2019 06 14 a las 13.37.40
Captura de pantalla 2019 06 14 a las 13.37.40
24 Xuño 2019

CIG-Saúde da Mariña denuncia o “peche de camas” durante o período estival no hospital e amósase “indignada” polo intento da Xerencia de intentar normalizalo a través de xustificacións como pode ser o descenso na actividade asistencial, as vacacións do persoal facultativo e a non cobertura das mesmas, e as obras. Un argumentario que consideran “absurdo e inexacto”.
Desde a central nacionalista denuncian o peche de 9 camas na unidade de hospitalización de cirurxía e 9 camas na unidade de traumatoloxía “ao que temos que sumar as 12 camas pechadas por obras, é dicir 30 camas en total”, explican.
O sindicato nacionalista tamén denuncia publicamente a redución da actividade cirúrxica. "Soamente haberá dous quirófanos programados e un quirófano urxente ao día", afirman.
A CIG-Saúde denuncia que o peche de camas ten consecuencias no eido asistencial e no eido laboral. Explican que, no eido asistencial, provoca un incremento das listas de espera fomentando a derivación de doentes á sanidade privada para cumprir a Lei de Garantías. “A lei di que as e os doentes teñen que ser atendidos en 60 días para intervencións cirúrxicas e en 45 para consultas ou probas diagnósticas. A imposibilidade de cumprir eses tempos na sanidade pública favorecerá a súa derivación á privada, que é onde serán atendidos”.
“Outra das consecuencias será o aumento do traslado e ingreso de pacientes do Hospital de Burela a Lugo, unha práctica que levan facendo durante os últimos meses e que esta a provocar o malestar das persoas afectadas e familias que se ven obrigadas a desprazamentos innecesarios por mor dunha mala planificación da Xerencia nun Hospital que remata de ser ampliado”, afirman.
Ese é precisamente o seu obxectivo político, “afondar no desmantelamento da sanidade pública para beneficiar á sanidade privada”.
No eido laboral a CIG-Saúde denuncia que por mor do peche de camas producirase un recorte de persoal nas devanditas unidades de hospitalización, suprimindo unha enfermeira e unha TCAE nas quendas de mañá, tarde e de noite (na que unha soa enfermeira e unha soa TCAE serán as responsables de prestar os coidados a 15 pacientes, e asumir as posibles urxencias e complicacións a maiores do traballo programado). Isto incrementa o desemprego xa que non se substitúen as titulares que collen vacacións e afonda aínda máis na precariedade laboral do persoal sanitario.

0.19990515708923