Cinco mil persoas recibirán en Lugo o Ingreso Mínimo Vital
Os deputados do PSdeG-PSOE pola provincia de Lugo no Congreso, Ana Prieto e Javier Cerqueiro avanzaron que o Ingreso Mínimo Vital (IMV) beneficiará a preto de 5.000 preceptores na provincia de Lugo.
Prieto dixo que esta nova medida “atenderá a preto de 13.000 persoas na nosa provincia que rescataría da pobreza extrema. Hai que lembrar que España ten un dos niveis de pobreza máis altos da Unión Europa, pero coa aplicación desta prestación espérase reducir a pobreza extrema, o que suporá o acceso a niveis básicos de dignidade social, e combater a desigualdade. O Ingreso Mínimo Vital, que se empezará a cobrar nos próximos días, garantirá entre 5.500 e 12.000 euros ao ano/fogar”.
A Deputada remarcou que a creación deste Ingreso Mínimo Vital (IMV) forma parte do compromiso electoral do PSOE, como do pacto de goberno e constitúe ademais un paso esencial no avance do Estado de Benestar. “Esta medida progresista contribúe na loita contra a vulnerabilidade económica, que se viu agravada coa pandemia do Covid-19, e por outra banda, fomenta a inclusión social e a inserción no mercado laboral”, explicou.
“Hoxe vivimos un momento histórico no Congreso dos Deputados, e unha vez máis é o PSOE, liderado por Pedro Sánchez, o goberno que impulsa os grandes avances do Estado de Benestar. Foi o caso da educación pública en 1985, que permitiu que España teña hoxe una das taxas de escolarización en educación superior máis altas dos países desenvolvidos; o Sistema Nacional de Saúde, en 1986, polo que gozamos agora dunha das esperanzas de vida máis altas do mundo; o sistema público de pensións, e en especial as pensións non contributivas de xubilación, en 1990, que alcanzan a máis de 450 mil beneficiarios; a atención á dependencia, en 2006, como novo dereito xa con máis de 1,1 millóns de persoas beneficiarias. E agora sumamos o Ingreso Mínimo, que permitirá acceso a unha renda mínima a quen menos ten”, afirmou Ana Prieto.
Loita contra a pobreza infantil
Cerqueiro sinalou que segundo as estimacións do Ministerio, o Ingreso Mínimo Vital alcanzará a un millón de fogares cun custo estimado de 3.000 millóns de euros, o que representa un 0,6% dos ingresos públicos de 2019. “Coa aprobación do Ingreso Mínimo Vital seremos un país máis digno, sen dúbida, pero tamén un país máis unido e máis libre. E tamén supón un paso enorme en decencia e xustiza social, e servirá para a loita contra a pobreza infantil”.