Clases de música de tódolos estilos para nenos e adultos en Vilalba

TerraChaXa
Vilalba é unha vila de músicos.
instrumentos
6 sep 2017

Vilalba é unha vila de músicos. E para achegar a música de tódolos estilos a tódolos públicos, nace a Asociación Cultural Escola de Música de Vilalba co obxectivo de formar canteira tanto para a Banda de Música, coma para a Charanga de Vilalba e outras formacións.

Da man dun grupo de profesores do Conservatorio, membros da banda e da charanga e pais e nais de alumnos e alumnas do Conservatorio Profesional de Música de Vilalba bota a andar esta asociación que abre xa as inscricións para formar grupos de clases que tamén se desenvolverán nas instalacións do auditorio municipal en horario de tarde, principalmente.

A presidenta do colectivo, a profesora Paula Rouco, explica que "pretendemos ofrecer unha aprendizaxe musical máis ampla da que poida participar xente que non podería acceder por límite de idade ou estilo musical á formación do Conservatorio".

Engade ademais que "este curso servirá para arrancar", pero agarda consolidar o proxecto a "medio-longo prazo"; xa que "calquera persoa poderá tomar clases sen a presión de alcanzar uns obxectivos nun tempo determinado". De feito, só se establece un mínimo de 3 anos para participar en clases de música e movemento e un mínimo de 7 para clases de instrumento: tuba, trombón, trompeta, trompa, frauta travesa, saxofón, clarinete, guitarra eléctrica, guitarra clásica, baixo eléctrico, ukelele, acordeón, piano clásico, piano de música moderna, piano de acompañamento e percusión (batería, marimba...). Tamén se ofertan clases de canto (lírico e moderno), coro infantil e coro de adultos.

O mércores 20 de setembro celebrarase unha xornada de portas abertas en horario de tarde no propio auditorio para achegar os instrumentos, sobre todo, aos máis pequenos. Tamén aproveitarán os profesores, vilalbeses e chairegos na súa maioría, para ofrecer un concerto didáctico.

O primeiro prazo de matrícula pecha o 27 de setembro, pero a escola continuará a recibir matrículas ao longo do curso con prazas e horarios máis limitados. As persoas interesadas poden contactar coa escola a través do correo acescolamusicavilalba@gmail.com ou da súa páxina de facebook: acesmuvi.

As tasas da escola serán de 60 euros a cota inicial e de 40 euros a cota mensual -excepto no caso de música e movemento para nenos e nenas de 3 a 7 anos que será de 15 euros; coro infantil e adulto a partir de 7 e 15 anos, respectivamente; que ascenderá a 20 euros igual que no caso dos segundos instrumentos-. Con todo, establécense descontos do 50% no prezo da cota inicial para o segundo membro da familia e a gratuidade para o terceiro.

0.20094013214111