Clausurado en Vilalba o obradoiro dual de emprego Terra Chá no Camiño IV

TerraChaXa
Comezará agora a quinta edición, para veciños de Vilalba e Abadín, que durará nove meses
obradoiro-vilalba-abadin
5 Nov 2024

A Xunta de Galicia inviste algo máis dun millón de euros para impulsar o obradoiro dual de emprego Terra Chá no Camiño IV, clausurado onte, e para darlle continuidade cunha quinta edición que comezará este ano e durará nove meses. Ambos están promovidos polo Concello de Vilalba asociado co de Abadín.

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, participou a localidade de  Vilalba na entrega de diplomas aos alumnos e tamén traballadores que completaron o programa que acaba de finalizar. Destacou que o financiamento da Xunta inclúe incentivos para a contratación de todos os participantes en empresas unha vez rematada a actividade.

Cada taller ofrece formación teórica e práctica a 20 persoas desempregadas en oficios con boa saída laboral. En Vilalba o próximo obradoiro impartirá as mesmas especialidades que o anterior, relacionadas coa gravación e tratamento de datos e documentos e co mantemento de zonas verdes. En Abadín, nos últimos meses impartíronse ensinanzas de carpintería e moble; mentres que agora centraranse na albanelería.

Ao tempo que adquiren experiencia laboral, os obradoiros realizan obras de interese social en espazos públicos dos concellos. Así, en Vilalba os alumnos e alumnas continuarán coa organización e dixitalización do arquivo municipal e co acondicionamento de xardíns e espazos verdes como os da praza da Constitución, o auditorio, a igrexa de Santa María ou a área recreativa da Magdalena.

No que respecta a Abadín, as actuacións realizadas incluíron a renovación de varandas de madeira na avenida de Galicia e na rúa Real de Gontán; ou a disposición de cubre contedores en Gontán, entre outras. O seguinte taller traballará na execución dunha beirarrúa nunha rúa de nova apertura do casco urbano.

0.18620586395264