Clausurado o obradoiro Cumes da Terra Chá, no que participaron 20 persoas
A Xunta de Galicia clausurou o obradoiro de emprego Cumes da Terra Chá VI coa entrega de diplomas aos 20 participantes, un acto no que interviñeron o delegado territorial de Lugo, Javier Arias, e os alcaldes dos municipios promotores, o de Begonte, José Ulla; Friol, José Ángel Santos, e Rábade, Remedios González.
Arias explicou que a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade investiu 534.000 euros na iniciativa, dos que 30.000 están destinados a impulsar a inserción laboral dos participantes en empresas locais unha vez rematada a formación, financiando a súa contratación durante un mínimo de tres meses a xornada completa.
Durante o último ano o alumnado adquiriu coñecementos teóricos e prácticos en especialidades relativas á construción: operacións auxiliares de acabados ríxidos e urbanización (7 alumnos e alumnas en Friol) e revestimentos con pezas ríxidas por adherencia (7 en Begonte e 6 en Rábade).
Así mesmo, realizaron un traballo remunerado mellorando espazos públicos dos distintos municipios. En Rábade renovaron as beirarrúas das rúas Miguel de Cervantes, Lope de Vega e Fernando Arias, e as zonas peonís exteriores do cine MAN.
En Friol ampliaron una beirarrúa no polígono industrial e melloraron o pavimento na praza Campo da Feira; e en Begonte acondicionaron un tramo da avenida de Galicia e fixeron reformas nun edificio municipal para destinalo a cafetería no Campo da Feira.
Arias anunciou que nas vindeiras semanas porase en marcha un novo obradoiro que dará continuidade ás obras de mellora nos municipios e suporá oportunidades laborais para outros 20 traballadores desempregados.