Clausurado o programa integrado de emprego do Concello das Pontes no que participaron un centenar de persoas

TerraChaXa | FerrolXa
A delegada de Ferrol, Martina Aneiros, participou hoxe na Casa Dopeso no acto de clausura deste itinerario formativo financiado pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración con 140.000 euros
programa-integrado-de-emprego-as-pontes
6 Oct 2026

A delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, xunto ao alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, clausurou hoxe na Casa Dopeso unha nova edición do Programa Integrado de Emprego (PIE) do Concello das Pontes, promovido conxuntamente cos Concellos das Somozas e A Capela e no que o Goberno autonómico investiu 140.000 euros.

Este itinerario formativo permitiu mellorar a empregabilidade dun centenar de persoas en situación de desemprego, pertencentes a colectivos con especiais necesidades de apoio, como persoas con discapacidade, en risco de exclusión social, migrantes, maiores de 52 anos ou menores de 30 anos, entre outros.

A delegada territorial destacou o 40% de inserción laboral acadado polo PIE e animou aos participantes a aproveitar a formación adquirida de cara a mellorar as súas oportunidades profesionais.

Lembrou que os programas integrados de emprego como o das Pontes contemplan actividades de orientación e asesoramento personalizado, formación, técnicas de motivación, desenvolvemento de habilidades sociolaborais ou obradoiros para a preparación de entrevistas. Tamén se fomenta o contacto co tecido empresarial, a prospección de oportunidades e a posibilidade de prácticas profesionais non laborais.

Cada proxecto conta cun equipo técnico especializado, cuxos custos salariais e de Seguridade Social son subvencionados. Así mesmo, cúbrense os gastos derivados de desprazamentos, materiais ou subcontratación de formación.

0.15131688117981