Clausuran esta fin de semana as actividades socioculturais e deportivas no Pavillón Municipal de Baamonde

Esta fin de semana celebrarase no Pavillón Municipal de Baamonde o peche das actividades socioculturais e deportivas correspondentes ao curso 2025/2026, unha cita coa que se porá o broche final a meses de aprendizaxe, deporte, convivencia e diversión compartida entre a veciñanza.
A programación comezará o venres 29 de maio, cunha xornada dedicada ás actividades infantís, que arrancará a partir das 16:30 horas. Durante a tarde desenvolveranse diferentes propostas como fútbol sala, zumba, patinaxe, multideporte e ximnasia rítmica, ademais dunha exposición de debuxos realizados polos máis pequenos e pequenas. Como momento especial da xornada, está prevista a entrega de lambetadas ás 18:00 horas, así como unha festa con inchables para o desfrute dos nenos e nenas participantes.
O sábado 30 de maio será a quenda das actividades dirixidas ao público adulto, cunha programación que dará comezo ás 11:00 horas. Ao longo da mañá realizaranse sesións de ximnasia de mantemento, pilates, actividades rítmicas, zumba e bailes de salón. Ademais, poderanse visitar exposicións de pintura, cestería, manualidades e traballos de palilleiras, que amosarán o talento e a creatividade desenvolvida durante o curso.
Con estas xornadas de clausura péchase un ano de intensa actividade sociocultural e deportiva, no que se destacou a participación veciñal e o valor do traballo colectivo, consolidando estes programas como un espazo de encontro, aprendizaxe e lecer para todas as idades.