Clemente Iglesias corrobora que o PSOE estaba detrás da denuncia do concelleiro pola auga

TerraChaXa | AMariñaXa
O Concello de Riotorto vén de recibir unha notificación do TSXG na que consta que foi o PSOE o que pagou os 1.
26 abr 2024

O Concello de Riotorto vén de recibir unha notificación do TSXG na que consta que foi o PSOE o que pagou os 1.000 euros de costas xudiciais que lle foran impostas a un veciño, e nese momento concelleiro socialista, por unha sentenza do Xulgado do Contencioso de Lugo que avalaba o proceder do Concello ante unha denuncia relacionada co servizo municipal de abastecemento de auga.

O alcalde de Riotorto, Clemente Iglesias, considera que “se corrobora que era unha cuestión política” e que “o PSOE estaba detrás desta denuncia ao Concello por cumprir cos procedementos administrativos a través dos que se lle requiría que cumprise coa normativa igual que o resto de veciños e veciñas”. Requiríuselle ata en dúas ocasións que colocase o contador no camiño público e ao lado da tubaxe xeral municipal para que rexistrara o consumo de auga.

O rexedor cre que “os concelleiros temos que ser os primeiros en dar exemplo” e defende que “o Concello non pode permitir tratos de favor” porque “beneficiar a uns supón discriminar aos demais”.

O TSXG comunica que procederá á devolución do importe ingresado polo PSOE por non ser parte do procedemento. Contra a dilixencia cabe interpoñer recurso de reposición no prazo de 5 días.