Codesido celebrará o San Xoán cunha gran xuntanza veciñal na Charca do Alligal

TerraChaXa
As persoas interesadas en asistir poderán adquirir os seus tickets a través dos organizadores ata o luns 15 de xuño
san-xoan-codesido
14 Jun 2026

Os veciños e veciñas de Codesido están a organizar unha nova celebración do San Xoán, que terá lugar o vindeiro 20 de xuño na Charca do Alligal. A iniciativa busca reunir á veciñanza e tamén a todas aquelas persoas que desexen sumarse a unha das festas máis tradicionais do calendario.

A programación dará comezo ás 20.30 horas cunha xuntanza veciñal e o tradicional acendido da fogueira de San Xoán. Posteriormente, ás 21.00 horas, celebrarase unha cea popular que incluirá paella e costela asada, acompañadas de bebidas, sobremesa, café e chupito.

A festa contará ademais con música en directo e diversos sorteos ao longo da noite, co obxectivo de animar a celebración e fomentar a convivencia entre os asistentes.

O prezo da participación será de 27 euros por persoa. Os nenos e nenas de ata 4 anos poderán asistir de balde, mentres que para os menores de entre 5 e 12 anos o custo será de 13,50 euros.

As persoas interesadas en asistir poderán adquirir os seus tickets a través dos organizadores ata o luns 15 de xuño. Desde a organización fan un chamamento tanto á veciñanza de Codesido como ao público en xeral para participar nesta xornada festiva e compartir unha noite de tradición, gastronomía e convivencia arredor da fogueira de San Xoán.

0.14798283576965