Cohempo activa a campaña Volta ao Cole con agasallos e o sorteo dunha mochila escolar

A Asociación de Comerciantes, Hostaleiros e Empresarios Ponteses (Cohempo) pon en marcha unha nova edición da campaña Volta ao Cole, unha iniciativa coa que busca incentivar as compras no comercio local coincidindo co regreso ás aulas.
A campaña desenvolverase do 3 ao 12 de setembro nos establecementos participantes. Durante este período, por cada compra superior a cinco euros, os clientes poderán participar nunha ruleta e optar a diferentes agasallos relacionados coa volta ao colexio, entre eles estoxos, post-its, afialapis, rotuladores, regras, bidóns de auga ou bolsas.
A ruleta contará ademais coa opción «segue xogando», que permitirá volver participar no caso de que sexa a opción que lle corresponda ao participante.
A campaña inclúe tamén o sorteo dunha mochila chea de material escolar e divulgativo. Para participar neste sorteo, será necesario rexistrar os tíckets de compra na aplicación de Cohempo, dentro da campaña «Volta ao Cole».
Nos establecementos participantes figuran Urbo Moda, Anduriña's, Entrecosturas, London Center, Lujo, Librería Xandra, Picariños, Noliños, Opticalia, Óptica Baamonde, Novalux e Óptica Carmela.
Con esta iniciativa, Cohempo anima a apostar polo comercio local e ofrece ás familias diferentes incentivos coincidindo co inicio do novo curso escolar.