Cohempo impulsa nas Pontes a Primavera en Feira e a recuperación da Festa da Tortilla Sorpresa

A asociación Cohempo organizará os próximos 22, 23 e 24 de maio unha ampla programación comercial, gastronómica e de lecer nas Pontes coa celebración da primeira edición de Primavera en Feira e a recuperación da histórica Festa da Tortilla Sorpresa, dúas iniciativas coas que busca dinamizar a actividade económica local e atraer visitantes á vila durante toda a fin de semana.
Primavera en Feira celebrarase os días 23 e 24 de maio na carpa instalada no colexio de Santa María e reunirá 15 postos comerciais cunha ampla oferta de produtos a prezos especiais dentro dun Mercado de Oportunidades. O público poderá atopar roupa para nenos e adultos, calzado, complementos, decoración, libros ou lencería, entre outros artigos.
A feira abrirá o sábado 23 de maio en horario de 10.30 a 14.30 horas e de 16.30 a 20.30 horas, mentres que o domingo 24 funcionará de 10.30 a 14.00 horas e de 16.00 a 19.00 horas.
A programación incluirá tamén unha ludoteca infantil ambientada nunha feira americana, que se instalará no Parque Municipal e estará dirixida ao público máis novo. Ademais, a Asociación Española Contra o Cancro das Pontes contará cun posto informativo na carpa no que se recollerán inscricións para a andaina solidaria prevista para o 7 de xuño.

Coincidindo coa feira, Cohempo recuperará tamén a Festa da Tortilla Sorpresa, unha das celebracións gastronómicas máis lembradas da hostalaría pontesa e que regresa despois de máis de dúas décadas sen celebrarse.
O evento desenvolverase os días 22 e 23 de maio coa participación de doce establecementos hostaleiros da localidade, que ofrecerán unha tapa gratuíta de tortilla con cada consumición. Ademais da tortilla española tradicional, cada local elaborará dúas variedades especiais de libre creación que poderán variar segundo a xornada.
Os horarios da festa serán o venres 22 de maio de 19.30 a 23.00 horas e o sábado 23 de maio de 12.00 a 15.00 horas e de 19.30 a 23.00 horas.
Nesta edición participarán A Taberna de Pancho, O Medulio, Venus, A Fervenza, Bar Jardín, Lar desde 1963, Bar Safari, Trastoy3, Café Bar Daniel, La Capilla, Bar Florida e DeLaPiccola.
A organización destaca tamén o carácter participativo da iniciativa, xa que algunhas das tortillas incluirán premios sorpresa como descontos, tapas gratuítas, consumicións, vales agasallo, botellas de viño ou diferentes retos. Ademais, as persoas participantes poderán optar a un premio final consistente nun curso de condución Carcross nas instalacións de La Base Motor Club, en Carballo.
Para participar será necesario descargar a aplicación de Cohempo e escanear os códigos QR habilitados nos locais participantes, cun voto permitido por persoa e establecemento.
Desde a asociación subliñan que ambas iniciativas buscan impulsar o comercio de proximidade, poñer en valor a hostalaría local e recuperar tradicións que forman parte da memoria colectiva das Pontes.
Os eventos contan coa colaboración do Concello das Pontes, a Xunta de Galicia e Comercio Galego.