Cohempo impulsa unha campaña polo Día da Nai para dinamizar o comercio local nas Pontes

TerraChaXa
As persoas que presenten un tícket de compra dos establecementos adheridos recibirán unha flor natural acompañada dunha mensaxe especial para as nais
campana-da-nai-cohempo
27 Apr 2026

A Asociación de Comerciantes, Hostaleiros e Empresarios Ponteses (Cohempo) puxo en marcha unha nova campaña con motivo do Día da Nai co obxectivo de fomentar as compras no comercio local e reforzar a actividade económica nas Pontes.

Baixo o lema “Porque o mellor agasallo florece aquí”, a iniciativa desenvolverase ata o 2 de maio, convidando á veciñanza a apoiar os establecementos da vila. Desde a organización destacan que mercar no comercio de proximidade contribúe a dinamizar a economía local e a manter viva a actividade no municipio.

Como parte da campaña, Cohempo organizará o sorteo de tres premios consistentes en sesións fotográficas profesionais para nais e fillos ou fillas. Cada premio inclúe unha sesión fotográfica, cinco imaxes e unha lámina enmarcada cunha composición personalizada.

Para participar, as persoas interesadas deberán realizar unha compra nun establecemento asociado, conservar o tícket e subilo á aplicación de Cohempo dentro do apartado da campaña do Día da Nai. Un proceso sinxelo co que se pretende incentivar a participación da clientela.

Ademais, a campaña contará cunha acción especial no Mercado Municipal das Pontes o sábado 2 de maio, entre as 11:30 e as 14:00 horas ou ata esgotar existencias. As persoas que presenten un tícket de compra dos establecementos adheridos recibirán unha flor natural acompañada dunha mensaxe especial para as nais.

Con esta proposta, a asociación busca non só promover o consumo local, senón tamén xerar unha experiencia emotiva arredor dunha data sinalada, reforzando o vínculo entre comercio e comunidade.

0.13293099403381