COHEMPO promove 'Somos de Barrio' para dinamizar o comercio local das Pontes

A Asociación de Comerciantes, Hostaleiros e Empresarios Ponteses (COHEMPO) porá en marcha do 19 ao 29 de outubro a campaña «Somos de Barrio», unha iniciativa coa que pretende fomentar as compras no comercio de proximidade e destacar a importancia dos barrios comerciais das Pontes como espazos de convivencia, identidade e actividade económica.
Durante os días que dure a campaña, as persoas que realicen compras nos establecementos asociados a COHEMPO poderán participar no sorteo de 100 bolsas e 50 camisetas de edición limitada coa imaxe de «Somos de Barrio».
Para participar, haberá dúas opcións. Por unha banda, os clientes poderán cubrir os seus datos persoais —nome, apelidos e teléfono de contacto— nos tíckets de compra dos establecementos adheridos. Pola outra, poderán facelo a través da aplicación de COHEMPO, na que deberán subir unha fotografía do recibo da compra.
A asociación busca poñer en valor os barrios comerciais que forman e formaron parte da historia das Pontes. Nestes espazos, os comercios, os negocios hostaleiros e as empresas de servizos contribúen a manter a actividade diaria e a dar vida ás distintas zonas do núcleo urbano.
A iniciativa tamén pretende reforzar o sentimento de pertenza e a identidade local, reivindicando o comercio de proximidade como unha peza fundamental da vida cotiá. Ademais da súa achega á economía municipal, COHEMPO destaca o papel destes negocios como lugares de confianza, relación e atención á cidadanía.
Como parte da campaña, a entidade difundirá nas súas redes sociais un vídeo promocional centrado nas vantaxes de mercar nos establecementos dos barrios. A peza audiovisual buscará salientar a contribución dos negocios locais á vida da vila e a súa capacidade para facer máis próximo e humano o tecido comercial. As bolsas e camisetas de edición limitada servirán tamén para dar visibilidade á iniciativa e reforzar a identificación da veciñanza co comercio das Pontes.
A campaña coincidirá coa posta en marcha dunha nova edición dos bonos Merca na Vila, promovidos pola Deputación da Coruña, cuxo inicio está previsto para o 20 de outubro. A coincidencia de ambas as iniciativas ofrece unha nova oportunidade para incentivar as compras nos negocios locais, atraer clientela e contribuír á dinamización económica do municipio.
Con «Somos de Barrio», COHEMPO quere transmitir que mercar no comercio local significa tamén apoiar os barrios das Pontes, preservar a súa historia e identidade e contribuír ao futuro da vila.