Coidar aos que coidan

TerraChaXa
Coidar dunha persoa achegada é algo co que case todos nos atoparemos nalgún momento, pero non é o mesmo saber que se trata de algo puntual ou pola contra, que é unha tarefa a longo prazo.
Lara Real
14 Out 2017

Coidar dunha persoa achegada é algo co que case todos nos atoparemos nalgún momento, pero non é o mesmo saber que se trata de algo puntual ou pola contra, que é unha tarefa a longo prazo. Existen diversas situacións nas que as persoas enfermas precisan coidados case continuados, lesións cerebrais, demencias, enfermidades neurodexenerativas... Na maior parte das situacións que requiren este tipo de atención, o perfil da persoa coidadora é case sempre o mesmo: muller de mediana idade con estreitos vínculos cos pacientes, e que adoitan convivir no mesmo domicilio.

Polo xeral, nun primeiro momento, as persoas coidadoras asumen estas funcións con moita voluntariedade e incluso tentan compaxinalas coas súas responsabilidades ordinarias, pero esta situación que xa é nun principio complexa, adoita empeorar coa progresión da enfermidade que en moitos casos é dexenerativa e sen volta atrás. Pese a que o ideal sería organizar aos diferentes integrantes da familia para realizar as diversas tarefas, a realidade é que soe ser unha única persoa a que se fai cargo.

Todos queremos coidar ben aos nosos, pero as veces sentimos que a situación escapa ao noso control e co tempo o desgaste físico, emocional e o estrés crónico que conleva a situación, desemboca no que se coñece como “síndrome do coidador”.

Unha das primeiras sinais de alarma é cando se vive o coidado como un deber, de aí derivan sentimentos e actitudes de desmotivación e angustia. É moi frecuente a idea de que “isto é o que debo facer” porque o coidado normalmente, realízase por un factor moral. Enténdese que é unha obriga encargarse de alguén que anteriormente se encargou de nós o que en moitos casos conleva sensacións de despersonalización xa que cada vez se debe dedicar máis tempo á persoa enferma, o que supón descoidar os propios gustos e afeccións. O illamento é outro dos factores claves deste síndrome xa que a medida que avanza a enfermidade baixa a comunicación entre a persoa enferma e coidadora polo que os sentimentos de soidade aumentan.

Para mellorar esta situación a persoa coidadora debe marcarse obxectivos realistas e planificar o día a día priorizando as necesidades, tamén debe recoñecer o esgotamento non como un sinal de debilidade, senón como parte do longo coidado que supón a enfermidade. Así mesmo debe aproveitar o tempo libre que poida ter sen sentirse culpable polo feito de pensar nun mesmo, e tendo en conta que é preciso desconectar e coidarse para poder coidar a outros. Pedir axuda ao resto da familia, ou consultar os diferentes servicios que se ofrecen dende as administracións pode ser de utilidade, o mesmo que acudir ás diferentes asociacións que ofrecen actividades e formación para coidadores informais, onde ademais se sentirán acompañados por persoas que están a pasar por situacións parecidas cos beneficios psicolóxicos que conleva.

Coidemos aos enfermos, pero non nos esquezamos dos coidadores e o seu importante labor.

Lara Real Lema
Psies Psicoloxía

0.22231578826904