Colocaron dez bandas redutoras de velocidade en varias zonas de Vilalba

TerraChaXa
Esta medida responde ás peticións veciñais
bandas-redutoras-de-velocidade-vilalba
Modesto Renda ante unha das bandas novas
11 Xuño 2024

O tenente de alcalde e responsable de Mobilidade Modesto Renda anunciou a instalación de 10 bandas redutoras de velocidade en sete zonas do centro urbano e as parroquias do rural vilalbés.

Unha medida que tal e como explicou pretende "dar resposta ó grande número de solicitudes de veciños/as e, por suposto, mellorar a seguridade viaria nas rúas e estradas máis demandadas".

Así, as bandas redutoras colocáronse nas rúas Domingo Goás (2), Camiño do Sixto Primeiro (2), de Foz, José María Chao Ledo e na vía de acceso a Lamelas (Árbol).

E nos próximos días está prevista a colocación de tres novas bandas nas vías de acceso a Moscarán (Árbol) e no de acceso á Escoira (Xoibán).

Tal e como explicou Renda "o modelo de banda elixido foi o menos agresivo do mercado (3 cm de altura) e a solicitada medida complementouse coa colocación de sinalización vertical, co fin de darlle cumprimento á lexislación vixente".

Con todo, de inicio colocáronse 2 bandas máis na Rúa da Feira e en José María Chao Ledo con unha altura de 5 cm; pero foron inmediatamente retiradas logo de que os residentes destas dúas zonas trasladaran o seu malestar polas vibracións provocadas ao tenente de alcalde.

0.17968201637268