Comercio na Rúa volve ás Pontes para impulsar as rebaixas e premiar a fidelidade ao comercio local

TerraChaXa
A campaña de Cohempo celebrarase do 1 ao 4 de xullo coa participación de 18 establecementos e sorteará prazas para unha clase de barré ao aire libre
cphempo-comercio-na-rua
1 Jul 2026

A Asociación de Comerciantes, Hostaleiros e Empresarios das Pontes (Cohempo) pon en marcha unha nova edición da campaña Comercio na Rúa, unha iniciativa que coincidirá co inicio das rebaixas de verán e que se desenvolverá entre os días 1 e 4 de xullo coa participación de 18 establecementos da localidade.

A campaña ten como obxectivo fomentar as compras no comercio de proximidade e premiar a fidelidade da clientela, aproveitando un dos períodos de maior actividade comercial do ano. Os negocios participantes sairán á rúa e identificarán os seus establecementos con decoracións especiais de flores e moqueta para crear un ambiente festivo e dar a benvida ás rebaixas.

Durante os días da iniciativa, os comercios repartirán papeletas entre as persoas que realicen compras. A través delas sortearanse 20 prazas para participar nunha clase de barré ao aire libre que terá lugar durante as Festas do Carme e que será impartida por Mart Studio. Das vinte prazas, quince asignaranse mediante as papeletas entregadas nos establecementos e as cinco restantes entre as persoas que rexistren os seus tíckets de compra na aplicación de Cohempo.

Ademais, aquelas compras superiores aos 30 euros poderán optar a unha bolsa de tea de edición especial da asociación, que este ano incorpora novas chapas e imáns da colección Orgullo Pontés, ata esgotar existencias.

Na campaña participan os establecementos La Estrella, Ático30, Óptica Baamonde, Anduriña’s, Ropa’s Moda, Texas Moda, Cul Moda, Vilaboy Moda, Calzados Pajón, Urbo Moda, Calzados Saavedra, Niza, VL, Zokos, Calzados Criado, Entrecosturas, La Cottonería e Novalux.

Desde Cohempo destacan que a iniciativa busca seguir dinamizando a actividade comercial das Pontes, apoiar o tecido empresarial local e incentivar que a veciñanza realice as súas compras no comercio de proximidade durante a campaña de rebaixas.

0.13188314437866