Comeza a construción dunha depuradora ecolóxica en Xermade

TerraChaXa
O financiamento da institución fai posible a dotación deste servizo básico á veciñanza do barrio do Empalme, na parroquia de Cabreiros.
obras depuradora ecoloxica xermade
18 Nov 2021

Esta semana comezaron os traballos de construción dunha depuradora ecolóxica en Xermade froito dun convenio de colaboración entre a Deputación de Lugo e o Concello, a través do que a institución provincial destina 46.000€ a este fin. Estará no barrio do Empalme, na parroquia de Cabreiros.

Esta nova dotación pública mellorará o día a día da veciñanza dunha ducia de vivendas do rural, onde o pico máximo de poboación que se acada é de 25 persoas. Terá capacidade para filtrar 4.256m3 ao día. Vaise instalar ao aire libre nunha finca que se denomina Prado Vello, que conta cunha superficie de 272 m2, dos que a depuradora ocupará arredor de 100 m2. Ata o momento, este barrio aínda non tiña depuración de augas e era moi necesaria, polo que se dá solución a esta demanda veciñal grazas ao acordo do Concello e a Deputación.

A previsión é que a depuradora xa empece a traballar a finais deste 2021, quedando os traballos rematados no prazo dun mes.

Este tipo de depuradoras funcionan ao aire libre e con plantas, e teñen un custe de funcionamento e de mantemento máis barato que as convencionais, sendo a opción máis vantaxosa para núcleos de poboación pequenos coma este do Empalme. Os expertos resaltaron que este tipo de depuración non dá olores e que acada incluso mellores resultados que os sistemas tradicionais.

0.1820969581604