Comeza a III edición do programa de emprego das Pontes

TerraChaXa
30 Out 2019

O Concello das Pontes presentou a III edición do Programa Integrado de Emprego do Concello das Pontes de García Rodríguez, subvencionado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia e cofinanciado polo Concello. O Programa Integrado de Emprego das Pontes, cunha duración de 12 meses, está dirixido a mellorar a ocupabilidade e inserción laboral dos veciños dos concellos de As Pontes, A Capela e Xermade, con maiores dificultades para acceder ao mercado laboral.

Durante a presentación desta nova edición, na que estiveron presentes Manuel Meizoso, alcalde do Concello da Capela e José Prieto, teniente de alcalde do Concello de Xermade, Ana Pena, concelleira responsable da área de emprego, apuntou que esta formación está dirixida a 100 mulleres e homes desempregadas, con especiais dificultades de inserción laboral; persoas con discapacidade, en risco de exclusión social, mulleres vítimas de violencia de xénero, menores de 30 anos con baixa cualificación e menores de 30 anos con cualificación.

A edil tamén sinalou que o Programa Integrado de Emprego das Pontes, cun obxectivo de inserción laboral que se sitúa no 40%, inclúe un amplo abano de accións informativas, asesoramento, orientación laboral, de carácter individual, e un conxunto de sesión grupales organizadas entorno a adquisición de coñecementos sobre elaboración de curriculum vitae, cartas de presentación, entrevistas de traballo así como habilidades sociolaborais e clases de coaching, intelixencia emocional e motivación laboral, entre outras.

Ao mesmo tempo, o alumando adquirirá competencias profesionais demandadas polo tecido industrial e comercial da contorna a través de cursos e obradoiros sobre manexo de carretilla e plataforma elevadora (25 horas), rexistros contables (120 horas), cursos con prácticas en empresas de peixería (180 horas), mantemento de parques eólicos (60 horas) e xestión de stocks e operacións de loxística (150 horas) un curso para a obtención do carné C + CAP e o certificado de profesionalidade SEAG0209 de limpeza de espazos abertos e instalacións industriais (210 horas).

Por outra banda, está previsto un curso de inmersión lingüística e formación transversal en novas tecnoloxías, ofimática, intelixencia emocional, técnicas de motivación e habilidade e procura activa de traballo a través de Internet.

Ana Pena quixo facer fincapé en que “co obxectivo de evitar que as cargas familiares e a conciliación familiar se convertan nunha barreira para mellorar a cualificación do alumnado o programa Integrado de Emprego do Concello das Pontes de García Rodríguez conta con medidas de conciliación familiar e laboral que consistirán no coidado e atención a menores, de 1 a 16 anos, durante o tempo que duren as xornadas, formación e prácticas non laborais.”

A edil tamén salientou, que este ano, como novidade, o Programa Integrado de Emprego das Pontes conta unha bolsa de asistencia ás persoas demandantes, de tal xeito, que todas as persoas que participen terán dereito a percibir 5 euros/día por asistencia e aproveitamento.

A selección das beneficiarias realizarase a través da dirección do programa e, para tal efecto, as persoas interesadas en formar parte do Programa Integrado de Emprego do Concello das Pontes poderán efectuar a inscrición no primeiro andar do Edificio CAP (antiga estación de autobuses) en horario de 08:00 a 15:00 horas, ata o 16 de decembro, e tamén poderán inscribirse na Oficina do Servizo Público de Emprego Estatal do municipio.

A edil resalta que “mediante esta iniciativa o Concello de As Pontes busca ofrecerlle ao alumando participante unha ferramenta de axuda e acompañamento especializado co que desenvolver as súas competencias persoais, sociais e laborais, acrecentando a súa empregabilidade para situarse, deste xeito, nunha situación máis favorable cara o mercado laboral”.

O orzamento do Programa Integrado é de 181.250 euros dos cales 145.000 euros son aportados pola Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia e 36.250 euros polo Concello de As Pontes, Concello de Xermade e Concello da Capela.

0.16798686981201