Comeza a selección de empresas de empresas para o polo aeroespacial de Rozas

TerraChaXa | LugoXa
O obxectivo é impulsar ao redor de 80 proxectos de I+D a través de programas que contribuirán á atracción de firmas de referencia.
dron rozas
23 Xul 2021

O obxectivo é impulsar ao redor de 80 proxectos de I+D a través de programas que contribuirán á atracción de firmas de referencia no sector dos vehículos non tripulados, financiamento e a xeración de emprego cualificado.

O Consello da Xunta acordou lanzar a primeira das 30 actuacións contempladas na nova Estratexia do Polo Aeroespacial de Galicia 2021-2025: a licitación para seleccionar as empresas tractoras que desenvolverán programas conxuntos de I+D durante os próximos cinco anos.

O Goberno galego destina 40M€ a esta medida e agarda poder mobilizar achegas adicionais grazas á colaboración público-privada, tanto a través da atracción de fondos europeos como da participación do sector privado. O obxectivo da convocatoria é atraer entre 4 e 8 empresas tractoras; dar resposta aos grandes retos tecnolóxicos dos vehículos aéreos non tripulados –agárdase impulsar ao redor de 80 proxectos de I+D–, e crear emprego desde o coñecemento no ecosistema de Rozas. Deste xeito preténdese consolidar a pegada industrial do Polo, coa incorporación de máis pemes ás cadeas de valor das grandes empresas tractoras do sector aeoroespacial.

Os grandes retos que se intentarán abordar a través deste modelo de colaboración público-privada serán o ecolóxico –a través do control e a xestión da biodiversidade, tanto da fauna como da auga–, a transformación dixital –con especial atención á dependencia ou a sectores clave da economía galega como o agrario ou o turístico–, así como o reto demográfico, patrimonial e turístico, incidindo na sanidade rural ou a xestión eficiente do territorio e o patrimonio.

En todos estes eidos, o uso de vehículos non tripulados permite achegar solucións innovadoras para contar con servizos públicos máis adecuados ás necesidades da cidadanía e, por tanto, máis eficientes e seguros; así como xerar un efecto tractor sobre os sectores produtivos e as empresas con capacidade de innovación, impulsando a competitividade do tecido empresarial galego, e a creación de emprego cualificado –impulso do talento en Galicia–.

Para chegar a estes acordos, a Xunta de Galicia ten deseñado un innovador modelo de colaboración público-privada que se aplica por primeira vez nas políticas de innovación e industria en España. A fórmula empregada será a licitación de compra pública precomercial co obxectivo de investigar e desenvolver tecnoloxías disruptivas en torno aos sistemas non tripulados, coa participación de empresas e centros de coñecemento galegos.

Posicionamento internacional

A Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), publica esta licitación co convencemento de que a atracción de máis empresas é indispensable para crear un ecosistema en Galicia, fomentar sinerxías para o desenvolvemento do sector e mellorar o posicionamento galego neste segmento a nivel internacional.

De feito, esta licitación amplía a potencial achega de investimentos por parte das empresas, reforzando este modelo público-privada que contribuíu a lograr os resultados acadados nos últimos cinco anos da man de empresas tractoras como Indra e Babcock, ao tempo que se potencia o ecosistema rexional de I+D+i.

Neste sentido, os pregos da licitación contemplan unha etapa de peche financeiro, na que tanto Xunta como licitadores poderán comprometer maiores fondos para a execución dos programas conxuntos de I+D, mantendo as portas abertas á canalización de maior financiamento unha vez se resolvan as incertezas sobre o papel das comunidades autónomas nos fondos europeos Next Generation, permitindo ás empresas realizar dito peche financeiro do programa ao longo do ano 2022.

Cómpre destacar que as principais empresas do sector xa teñen amosado o seu interese por formar parte desta actuación e traer así a Galicia os seus proxectos.

A licitación enmárcase na Estratexia para o período 2021-2025 que se enfoca na creación de novos mercados e en seguir avanzando neste sector aproveitando tanto as oportunidades que se estiman de cara aos próximos anos, como o contexto actual no que se priorizarán proxectos capaces de contribuír á reactivación económica. Neste sentido, o Polo Aeroespacial está aliñado tanto coas prioridades fixadas a nivel europeo como estatal. Así, Galicia agarda obter o apoio do Goberno para recibir fondos Next Generation, o que permitiría acadar a mobilización público-privada de 540 M€ e xerar ao redor de 3000 empregos. O Polo conta xa cun orzamento comprometido de 70M€ para os próximos cinco anos.

Balance desde 2015

Desde a súa posta en marcha en 2015, o Polo Aeroespacial favoreceu a mobilización de 164M€, situando a Galicia como a rexión de referencia neste novo sector de alta tecnoloxía.

Ao longo destes últimos cinco anos teñen participado medio cento de pemes e centros de coñecemento galegos, coa implicación de máis de 900 profesionais. Ademais, desenvolvéronse un total de 655 solucións tecnolóxicas e produtos dos que ao redor de 60 xa están no mercado, como un sistema de detección e seguimento de pragas forestais; outro de xestión do territorio; un sistema automático de mostraxe de augas en encoros; outro de xestión de incendios; e mesmo un para a atención de peregrinos en parada cardio-respiratoria.

0.19422101974487