Comeza hoxe a negociación do ERE extintivo en Einsa Print das Pontes
A negociación dun Expediente de Regulación de Emprego (ERE) extintivo que a dirección da empresa Einsa Print presentou á parte social desta compañía dedicada ás artes gráficas e asentada nas Pontes, iníciase hoxe xoves.
Hai uns días a asemblea de traballadores aprobou por unha ampla maioría que se inicie esta negociación, tras achegar a patronal unhas novas condicións para comezar as consultas, que recollen o despedimento de 121 traballadores, o 50% do persoal de planta emprazada no polígono de Penapurreira, cunha indemnización de 30 días por ano traballado e ata un máximo de 20 mensualidades.
Anteriormente, a finais de outubro de 2023, a dirección de Einsa Print xa presentara outro ERE extintivo, que supoñía o despedimento de máis de 150 operarios, que motivou varias xornadas de folga e mobilizacións do persoal, finalizando o período de consultas sen acordo, momento no que a patronal, sorpresivamente, retirou dita proposta.
Agora, semanas despois, e tras permanecer a planta cunha gran carga de traballo, entre finais de novembro e todo decembro, para atender os encargos asinados, a empresa volveu a presentar outro axusto de persoal que deberá de ser negociado durante as próximas semanas.