Comeza o estudo dos posibles restos da muralla de Vilalba

O Concello de Vilalba iniciou os traballos de estudo dos posibles restos da antiga muralla da localidade, nunha actuación na que participan técnicos da Universidade de Santiago de Compostela (USC).
A concelleira de Turismo, María Xosé Fernández, e o vicealcalde, Modesto Renda, acompañaron o equipo técnico no comezo dos traballos sobre o terreo, que teñen como obxectivo analizar a posible existencia de vestixios da muralla de Vilalba.
Nesta primeira fase, os técnicos realizaron labores de limpeza e toma de mostras, así como traballos de topografía e fotogrametría, técnicas que permiten documentar e analizar as características do espazo e os posibles restos arqueolóxicos.
Unha vez rematada esta intervención sobre o terreo, o estudo continuará cos traballos de gabinete, nos que se analizará a información recollida para elaborar un informe final cos resultados da investigación.
Esta actuación faise en función dun convenio entre o Concello e a propia USC, polo que se destinan uns 8.000 euros a esta investigación, que ten como obxectivo analizar a datación e o estado de conservación dos vestixios, así como concretar o trazado orixinal da antiga fortificación.
Ademais, intentarase poñer en valor o patrimonio histórico do casco vello e potenciar o turismo vinculado ao Camino del Norte.