Comeza sen incidencias en Vilalba a folga na recollida de lixo
Hoxe deu comezo en Vilalba a folga da recollida de lixo logo de que empresa a traballadores no chegasen a un acordo esta fin de semana.
O Concello de Vilalba mediou durante os dous días entre os traballadores e Urbaser, empresa encargada da recollida do lixo e a limpeza viaria, nun intento de chegar a un acordo que sirva para desconvocar a folga que comezou hoxe sen incidencias.
O concelleiro de Servizos de Vilalba, Eduardo Vidal, reuniuse tanto coa empresa Urbaser como cos traballadores para coñecer de primeira man a situación do conflicto laboral, "xa que de non solucionarse serían os veciños e veciñas as que sufrirían as consecuencias".
O concello demandou á empresa e a parte social un esforzo para abrir novas vías de diálogo que eviten a folga. No seu papel de interlocutor, instou a un acordo que, aínda que non pechera a negociación definitivamente, si permitara adoptar medidas que comprometan ás dúas partes e evitasen o paro.
O Concello de Vilalba estableceu por decreto de Alcaldía os servizos mínimos, cumplindo coa lexislación laboral, que deberán cumprirse durante o periodo de folga indefinida convocada.
“Respectamos o dereito á folga dos traballadores, pero a recollida de lixo é un servizo esencial, na medida en que a súa interrupción pode poñer en perigo tanto a seguridade como a saúde da poboación”, engade Vidal.
"A acumulación de residuos nos espazos públicos provoca problemas de salubridade, unha situación que se verá agravada polas altas temperaturas do verán e a celebración das festas patronais", engade.
Tamén avanzou que no primeiro día de folga non hai incidencias e que os servizos mínimos estanse cumprindo. Engadiu que son dous puntos os que non permiten chegar a un acordo entre as dúas partes e que ve moi posible que este se produza nos próximos días.