Comeza unha campaña de limpeza de estradas na provincia
A Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), dependente da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, está a traballar dende principios de maio na campaña de limpeza de marxes das estradas autonómicas da provincia de Lugo, que está previsto que quede completada a finais de xuño.
Esta actuación supón un investimento de 852.500 euros, para actuar nun total de 1491 quilómetros de 117 estradas que conforman a rede viaria autonómica nesta provincia.
Como é habitual nesta campaña que desenvolve a AXI cada ano, as labores de roza da vexetación nas marxes das estradas comezan naquelas zonas onde a vexetación está nun estado máis avanzado por circunstancias climáticas ou biolóxicas.
Os traballos realízanse periodicamente entre a primavera e o verán, cando xa xerminaron as especies herbáceas, con tempo seco, e consisten na sega da vexetación e a extensión de herbicida para atrasar no posible a aparición de novas plantas.
A limpeza das marxes incrementa a seguridade na circulación, ao mellorar as condicións de visibilidade e diminuír a presenza de materia potencialmente esvaradía; optimizar a capacidade de evacuación dos sistemas de drenaxe da estrada (cunetas, tubos...), evitando estancamentos por vexetación; ademais de favorecer a percepción da irrupción de animais na calzada con maior antelación, permitindo dispoñer dun maior tempo de reacción ao condutor para evitar posibles colisións.
Ao mesmo tempo, a limpeza das cunetas incrementa a efectividade da estrada como cortalume en caso de incendio e o aspecto despexado disuade de posibles verteduras incontroladas.