Comezan as conversas entre institucións para o aproveitamento industrial do chan

TerraChaXa | FerrolXa
O obxectivo é anticipar a ordenación e posta en valor dos espazos situados nas inmediacións da central térmica e impulsar novas oportunidades empresariais
reunion-planificacion-solo-industrial-as-pontes
6 Nov 2026

O Concello das Pontes, a Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia e Endesa retomaron as conversas para comenzar a traballar na planificación dos espazos susceptibles de aproveitamento industrial situados nas inmediacións da central térmica, co obxectivo de anticipar a súa optimización e facilitar a implantación de futuros proxectos empresariais.

A reunión tivo lugar onte e contou coa asistencia do alcalde, Valentín González Formoso, e do concelleiro de Urbanismo, Manuel Rodríguez López. Por parte da Xunta participou Isaac Rosón, novo secretario xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético e o xerente de Xestur, Diego Toja así como unha delegación de Endesa e representantes da asistencia técnica urbanística da Deputación da Coruña.

O obxectivo deste primeiro encontro foi comezar a analizar, con tempo, o aproveitamento industrial dos espazos anexos á central térmica que poidan ser optimizados anticipadamente por atoparse afastados das zonas afectadas polos traballos de desmantelamento.

Trátase de superficies incluídas no ámbito da central, que suman máis de medio millón de metros cadrados e conta con zonas, como a coñecida como punto K ou a Balsa e outros, susceptibles de poñerse en valor e de acoller proxectos empresariais, cunha ordenación urbanística previa que permita definir os posibles usos e oportunidades destes terreos.

Durante a reunión tamén se abordou a ordenación territorial do polígono de Portorroibo, cunha superficie aproximada de 200.000 metros cadrados, no que xa existen naves construídas e outros espazos que pretenden especializarse en actividades vinculadas á loxística eólica.

Desde o Concello, o alcalde agradeceu á Consellería de Economía e Industria a súa implicación e disposición para impulsar canto antes o aproveitamento industrial destes espazos.

Así mesmo, agradeceu a dispoñibilidade de Endesa para colaborar neste proceso de planificación e traballar conxuntamente na identificación das oportunidades que permitan favorecer a actividade económica e a implantación de novos proxectos empresariais.

0.14582896232605