Comezan as obras da residencia de maiores de Abadín
O Concello de Abadín iniciou xa a construción da residencia de maiores, obra que foi adxudicada a Regenera Construcciones y Contratas 2022 por un importe total de 2.309.733,49 euros e un prazo de execución de 11 meses.
Esta residencia terá unha xestión que dependerá directamente do Concello. As obras consistirán na rehabilitación e ampliación do edificio do antigo do colexio infantil, actualmente en desuso, para convertelo nun centro residencial con 44 prazas repartidas entre 22 habitacións dobres.
Esta actuación desenvólvese no marco do Plan de investimentos de 18,5 millóns de euros co que o Goberno galego financia unha vintena de proxectos de construción, reforma ou ampliación de residencias, centros de día, vivendas comunitarias e centros sociais de titularidade municipal. Un plan acordado coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).
O Goberno autonómico achegará 1,2 millóns de euros mentres que a obra ten un orzamento de 2.358.742 euros. No caso de Abadín, financia a máxima contía posible do total dos traballos.
Ademais de ampliar as dúas plantas do edificio actual, construirase un anexo coas mesmas alturas conectado a través de dous accesos coa construción principal. As zonas comúns situaranse na planta baixa.