Comezan as obras de mellora do conxunto histórico de Castro de Rei cun investimento de 150.000 euros

LugoXa | TerraChaXa
Os traballos actuarán en distintos puntos do casco histórico, incluíndo a renovación e rehabilitación das beirarrúas da Praza Maior, a subida á igrexa, a propia praza e a rúa Amigos da Feira
obras-centro-historico-castro-de-rei
2 Aug 2026

O Concello de Castro de Rei puxo en marcha as obras de acondicionamento do seu conxunto histórico, unha actuación destinada a mellorar a accesibilidade e a mobilidade peonil no centro da vila e que contará cun investimento total de 150.000 euros.

Os traballos actuarán en distintos puntos do casco histórico, incluíndo a renovación e rehabilitación das beirarrúas da Praza Maior, a subida á igrexa, a propia praza e a rúa Amigos da Feira, co obxectivo de crear un espazo máis accesible, seguro e integrado.

Este proxecto permitirá completar a transformación do centro histórico, dando continuidade ás actuacións desenvolvidas nos últimos anos para revitalizar esta zona da capital municipal. Do orzamento total, 100.000 euros proceden dunha achega da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), dependente da Xunta de Galicia, mentres que os 50.000 euros restantes son financiados polo propio Concello.

As obras foron adxudicadas á empresa Sanle S.L. e está previsto que rematen o vindeiro 18 de setembro.

Esta intervención reforza o proceso de recuperación do centro histórico de Castro de Rei, recoñecido desde 2021 como Área de Rehabilitación Integral (ARI), e súmase a outras actuacións recentes impulsadas na contorna, como a renovación de espazos públicos ou a creación dunha área de autocaravanas nas proximidades da área recreativa do Azúmara.

 

0.12002897262573