Comezan as obras de mellora do firme na estrada de Lugo a Friol
A Xunta iniciará este luns, día 20, a execución das obras de reforzo de firme na estrada autonómica LU-234, ao seu paso polos concellos de Lugo e de Friol, que terán afección ao tráfico.
Os distintos traballos desenvolveranse cos medios de conservación de estradas da Xunta ao longo dos 12,6 km desta vía, que comunica os núcleos de Ramil e Cotá, e suporán un investimento autonómico que rolda os 520.000 euros
As tarefas de rehabilitación do firme se concentrarán no tramo da LU-234 comprendido entre os puntos quilométricos 4 e 12+660 e farán necesario o corte total da circulación durante nove xornadas laborais, entre o luns día 20, ata o seu remate, previsto para o venres día 1 de xullo.
Para minimizar o impacto na circulación, os traballos executaranse por tramos, polo que os desvíos serán acordes coa zona na que se actúa en cada momento. Tamén, para evitar a afección no vindeiro festivo día 24, e na fin de semana, a circulación volverá á normalidade durante eses tres días.
Segundo a programación das obras, os primeiros traballos comezarán o día 20 ás 8:00 horas e rematarán o xoves, día 23 ás 20:00 horas, restablecéndose a circulación normal ao final de cada día laboral.
As obras de rehabilitación do firme na LU-234 retomaranse o luns día 27 ás 8:00 horas e o tráfico restablecerase ás 20 horas do venres día 1 de xullo. Tamén, neste caso, a estrada abrirase ao tráfico ao final de cada xornada de traballo.
Os traballos incluirán a limpeza previa de cunetas e o reforzo de firme cunha mestura bituminosa en quente nunha lonxitude de 8,66 km da estrada, que se corresponde entre os puntos 4+000 ao 08+570 co tramo que percorre o municipio de Lugo, e entre os puntos 08+570 e 12+660, xa en Friol.
A intervención será completada, posteriormente, co repintado da sinalización horizontal de toda a estrada LU-234.