Comezan as obras de mellora do saneamento na parroquia de Roimil, en Friol
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, comezou as obras de mellora do sistema de saneamento municipal na parroquia de San Xiao de Roimil, no concello de Friol, que suporán un investimento de 253.000 euros.
Os primeiros traballos que se están a desenvolver consisten na recepción do material, na colocación de instalacións auxiliares e na instalación da canalización de vertido desde a depuradora ata o río Parga.
Esta actuación, cun prazo de execución de 6 meses, ten como obxectivo estender a rede de saneamento e depuración de augas residuais aos lugares do Campo da Feira, O Pazo, Currás e A Penagateira.
A rede de saneamento proxectada componse dunha condución principal, 2 colectores que verten ao principal e recollen sendas rúas do núcleo, e 4 ramais secundarios. A rede complétase con 59 pozos de rexistro.
Para o funcionamento do sistema de depuración inclúense partidas para a acometida eléctrica, así como o sistema de medida e protección, e instalación interior para o seu correcto funcionamento.
Coa rede proxectada por Augas de Galicia veranse beneficiadas 20 vivendas, que reúnen unha poboación equivalente de 200 habitantes.
Colaboración
A intervención enmárcase no convenio de colaboración asinado entre a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade e o Concello de Friol.
A Xunta cofinancia a actuación nun 80%, ademais de encargarse da contratación e da construción da rede de colectores necesarios para evacuar as augas residuais ata o sistema de depuración previsto, que estará formado por unha depuradora de oxidación total.
Pola súa banda, o Concello de Friol contribuirá ao financiamento do 20% restante, ao tempo que asume a tramitación das autorizacións precisas para posibilitar a súa realización, así como a recepción, mantemento e conservación das actuacións que se leven a cabo.
As actuacións serán financiadas pola Unión Europea, no marco do Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020.