Comezan as obras de pintado no polígono e a asociación mostra agradecemento á Xunta

TerraChaXa
Deron comezo os traballos de pintado e sinalización horizontal e vertical das rúas e dos espazos públicos do polígono Sete Pontes, dentro do proxecto de actuación do Concello de Vilalba.
obras pintado poligono sete pontes
obras pintado poligono sete pontes
15 Abr 2024

Deron comezo os traballos de pintado e sinalización horizontal e vertical das rúas e dos espazos públicos do polígono Sete Pontes, dentro do proxecto de actuación do Concello de Vilalba.

Trátase dunhas actuacións cun orzamento de 17.800 euros que inclúen a limpeza e roza do parque empresarial, o pintado de máis de 13.000 metros de liña continua e descontinua, máis de 1.000 metros cadrados de pasos de peóns e a instalación de numerosos sinais horizontais e verticais.

A alcaldesa, Marta Rouco, salientou "a importancia destes traballos para mellorar a seguridade viaria e optimizar o noso polígono industrial, un gran pulmón económico para Vilalba".

ROTONDA DE ACCESO

No Polígono Sete Pontes tamén actuou a Xunta no amaño da rotonda de acceso. Dende a Asociación de Empresarios Sete Pontes expresaron "a nosa sincera gratitude á Xunta de Galicia polo traballo realizado no asfaltado da rotonda de entrada ao polígono industrial e dos arranxos realizados na estrada que comunica o noso polígono industrial coa autovía A8".

Afirman que grazas a estas obras, mellorouse significativamente o acceso e a seguridade para todas as empresas e traballadores que operan na nosa zona industrial.

"Ademais, queremos agradecer tamén os labores de limpeza da rotonda e das isletas da mesma. Estas accións non só contribúen á mellora da aparencia estética do noso entorno, senón que tamén axudan a manter unha circulación segura e fluída para todos os condutores que transitan por esta zona", engadiron.

"Valoramos profundamente a colaboración e o compromiso da Xunta de Galicia con estas obras e esperamos que esta boa relación e cooperación continúen no futuro" dixeron.

Dende a Asociación de Empresarios afirman que "seguiremos traballando para levar a cabo as diferentes actuacións do noso plan estratéxico, que buscan a mellora constante das infraestruturas da nosa comunidade empresarial".

0.12702608108521