Comezan as obras de renovación do circuíto de kárting de Pastoriza cun investimento de máis de 721.000 euros

TerraChaXa
Un dos principais cambios será o traslado do paddock, que pasará a situarse paralelo á recta principal e contará con arredor de 25 boxes
obras-circuito-pastoriza
25 Aug 2026

O Concello de Pastoriza xa ten en marcha as obras de adecuación e renovación integral do circuíto municipal de kárting, unha actuación que conta cun investimento superior aos 721.000 euros e que permitirá modernizar unha instalación en funcionamento desde 2003 e mellorar tanto a seguridade como os seus espazos e posibilidades de uso.

A intervención, que foi adxudicada a primeiros de mes, contempla unha reforma integral da pista, con modificacións en diferentes puntos do trazado para reforzar a seguridade dos pilotos. O circuíto, de máis dun quilómetro de lonxitude, presenta un importante desgaste debido á actividade que soporta ao longo do ano, polo que a actuación pretende garantir a súa continuidade e mellorar as condicións para a celebración de competicións e actividades formativas.

Un dos principais cambios será o traslado do paddock, que pasará a situarse paralelo á recta principal e contará con arredor de 25 boxes. Tamén se modificará a localización do edificio de control de carreira, que se trasladará á zona da recta de meta, xunto ao novo paddock. O espazo que ocupa actualmente esta instalación será aproveitado para crear un minicircuíto.

O proxecto inclúe a creación dunha zona específica destinada á práctica de trial e un circuíto para a realización de probas con vehículos todoterreo, o que permitirá ampliar os usos das instalacións municipais e incorporar novas actividades relacionadas co motor.

Para facer posible a ampliación e reorganización dos espazos, o monte veciñal cedeu ao Concello o uso dunha parcela de 14.000 metros cadrados. A actuación conta cunha axuda da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes de 391.155,96 euros, aproximadamente a metade do orzamento previsto, mentres que o financiamento restante será asumido mediante as fórmulas previstas polo Concello e a futura xestión da instalación.

O proxecto inicial contemplaba tamén a construción dunha cafetería no recinto, pero finalmente esta actuación foi descartada e non se executará dentro das obras actualmente en marcha.

O circuíto municipal mantén actividade durante todo o ano e acolle cursos de condución, probas de kárting, motos e minimotos, ademais de presentacións de vehículos, actividades escolares, eventos solidarios e outras iniciativas.

0.1192831993103